Modificacións no tráfico da Ponte do Burgo a causa das obras da súa remodelación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

Os traballos de ampliación da ponte do Burgo que terán unha duración de seis meses obrigarán a partir do próximo luns día 5 de maio a modificar as direccións do tráfico rodado. Así, crearase un illote provisional na actual situación do Paraugas que evitará calquera xiro á esquerda. Deste modo, os vehículos que se despracen dende Cambre e cheguen a ese illote provisional, e queiran dirixirse a Culleredo, deberán proseguir o seu camiño 100 metros ata a rotonda de acceso á autoestrada AP-9 para dar o xiro cara á ponte do Burgo. E da mesma forma, os que cheguen a ese illote dende a Costa da Tapia deberán proseguir o seu camiño ata a rotonda do final da ponte, no termo municipal de Culleredo, para xirar e volver cara a Cambre pola estrada da Barcala DP-1706.

No mencionado illote construirase unha das rotondas (que conectará a estrada AC-211 e a DP-1706) do proxecto que permitirá aumentar os carrís sobre a ponte e as beirarrúas ao longo do vial, ademais do paso voado nunha das marxes da ponte.

Ademais, o paso peonil que se encontra no termo municipal de Cambre no inicio da ponte suprimirase de forma definitiva polo que os peóns deberán cruzar polo paso de Casa Palmeiras e acceder pola ponte antiga ata o concello de Culleredo.

O obxectivo será aumentar a capacidade de vehículos e mellorar a seguridade vial nunha das estradas de maior tránsito da bisbarra. Procederase á execución dunha nova glorieta, e sobre a que se colocará unha réplica exacta do actual Paraugas, que presentaba unha evidente deterioración estrutural. Segundo a Consellería de Medio e Infraestruturas, incrementarase a lonxitude prevista de rehabilitación do firme, na ponte e o ámbito de intersección do Paraugas, sen que afecte a propiedades privadas, e construiranse beirarrúas nas inmediacións da igrexa de Santiago do Burgo. As obras se estima que se realicen nun prazo de seis meses, e beneficiarán a preto de 100.000 habitantes dos municipios de Culleredo, Cambre e Oleiros.

2 de maio de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.