Micky Stobart e Mario Delas, xurado de luxo no concurso Destapa Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Os xogadores do Rio Natura Monbus, Micky Stobart e Mario Delas, actuaron como catadores de tapas no concurso Destapa Galicia, organizado por Coca-Cola en diferentes locais da cidade e no que o propio consumidor decide a nota que se merece cada unha das paradas da ruta.

Os dous interiores do equipo achegáronse ao Restaurante Manso, un dos centros hostaleiros participantes e socio protector do Rio Natura Monbus, para xulgar a tapa de cociña de autor elaborada polo local, consistente nun centro de mexillóns escabechados sobre verduras encurtidas e algas frescas.

Ambos aproveitaron a ocasión para confesarse fieis amantes da gastronomía galega. “Foi un dos cambios máis grandes cando cheguei de Croacia. Os menús son moi diferentes, pero avisáronme de que aquí se comía especialmente ben, e así o estou comprobando”, declarou Delas. Micky, pola súa banda, recoñécese como un bo cociñeiro cando toca, “pero encántame cando organizan concursos deste estilo nos que podes facer toda unha ruta probando pratos que a ti nin se che ocorrerían”, afirmou o mallorquino.

A acción promovida pola marca de bebidas, e que finaliza o vindeiro domingo 4 de maio, celébrase simultaneamente en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, e Narón. Os composteláns que aínda non participen poden facelo en calquera dos 19 locais participantes por un prezo de 3 euros Tapa+Coca-Cola, e poderán levar un IPad de agasallo só por valorar a experiencia.

1 de maio de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.