Medio cento de persoas aprenderon a facer cervexa en Naraío
O Tempos para compartir deste mes de maio volveu ser un éxito. O tema central do encontro foi a elaboración artesanal de cervexa. Unha actividade pola que cada vez hai máis interese tal como reflicte o alto número de inscricións ao obradoiro impartido en Naraío por Elías Sixto e Miguel Soto. O Concello ofreceu inicialmente 25 prazas que despois se ampliaron a 50. Cubríronse todas as solicitudes de inscrición e, ao final, o Tempos… contou con 45 participantes.
Foi unha tarde entretida a pesar dos numerosos momentos mortos que implica o proceso de elaboración da cervexa. Miguel Soto e Elías Sixto -auténticos mestres cervexeiros e mestres de futuros cervexeiros e cervexeiras- explicaron como conseguir un produto caseiro de altísima calidade empregando elementos sinxelos: un muíño para a cebada malteada, unha pota para cocer o preparado de lúpulo, un densímetro, un termómetro, un serpentín de cobre para regular a temperatura e un recipiente para a fermentación.
Elías e Miguel comezaron nisto da cervexa caseira mercando un kit básico cos ingredientes xa listos para botar na pota. Porén, a medida que foron collendo experiencia atrevéronse con combinacións propias de lúpulos, cebadas, temperaturas e tempos de fermentación ata conseguir un produto certamente saboroso, tal e como puideron comprobar as persoas participantes no obradoiro.
No Tempos para compartir Sixto e Soto insistiron en que as tres claves son o control da temperatura, o dos tempos e, sobre todo, a limpeza cirúrxica de todos os materiais en contacto co mosto para evitar contaminacións que provoquen fermentacións non desexadas.
Todo o proceso de preparación durou arredor de catro horas. Tempo que se encheu coa propia elaboración pero tamén con anécdotas e curiosidades históricas dunha bebida que leva facéndose case da mesma maneira arredor de 3000 anos. Miguel Soto explicou que aló polo século XVI “á cervexa botábanlle de todo, incluso ratas”.
Os poñentes do obradoiro de cervexa artesá animaron aos participantes a meterse nunha afección que convida ás relacións sociais. Tamén explicaron que facer a bebida na casa sae máis caro que mercala, xa que cada botellín listo para consumir pode andar entre 1 e 1,5 euros.
Cartos que son cartos ao fin e ao cabo, pero que tampouco son tantos en comparanza coa satisfacción de beber a túa propia cervexa.
Último Tempos… antes das vacacións de verán
E xa para o mes de xuño, o programa Tempos para compartir marchará ao Camiño Arriba. O sábado 14 a partir das 16.30h., Esther Mesías ensinará a facer libretas encadernadas sen utilizar adhesivos ou pegamentos. Hai 12 prazas dispoñibles e o prazo para apuntarse remata o 30 de maio.
Este Tempos… será o derradeiro antes das vacacións do verán. Porén, o Concello busca novos temas para os próximos encontros, que se celebran habitualmente os primeiros sábados de mes e cada vez nunha parroquia distinta.
É moi importante que haxa xente disposta a compartir cos demais os seus coñecementos ou habilidades. Se ti és unha delas e cres que podes ensinarnos algo anímate a participar. É moi sinxelo, só terás que pasar polas oficinas do Concello ou contactar coa axente de Igualdade -técnica responsable do programa- a través do 981 490 027.











