Medio centenar de rapaces de Ponte Caldelas participaron no concurso dos “Bolechas”

Espectáculo dos Bolechas
Medio cento de nenos e nenas de Ponte Caldelas participaron no concurso de “Os Bolechas e a Sabichona”, dentro do programa lúdico-didáctico desenvolvido pola Rede de Dinamización Lingüística para fomentar o uso da lingua galega entre os máis pequenos, días antes da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Esta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, incentivou o uso do galego a través dun concurso no que participaron nenos e nenas de 3 a 9 anos de idade e as súas familias.
O fío condutor da actividade foron os coñecidos personaxes do ilustrador galego Pepe Carreiro que, baixo o título xenérico de Os Bolechas, forman parte da literatura infantil da nosa Comunidade Autónoma, e unha presentadora moi esixente “A Sabichona” que expuña unha serie de preguntas e probas aos nenos que debían demostrar os seus coñecementos e habilidades utilizando o idioma galego como lingua vehicular.
O concurso resultou en grao sumo entretido e ao final do enfrontamento amigable entre os dous equipos saldouse cun empate a 12 puntos entre os participantes nesta divertida iniciativa desenvolvida pola Rede de Dinamización Lingüística en colaboración co Concello de Ponte Caldelas.











