María Castelao asume as competencias de Adrián Varela
A concelleira delegada da área de Servizos Sociais -con competencias en Familia, Educación, Muller e Igualdade, Benestar Social e Maiores-, María Castelao, asume “interinamente” as competencias de Adrián Varela, que presentou a súa dimisión como concelleiro do Concello de Santiago, a cal ratificou no pleno do mércores.
A preguntas dos xornalistas, a voceira do goberno local, María Pardo, indicou que o alcalde de Santiago é o que se “está a encargar” do relevo de Adrián Varela, se ben de forma “interina” é María Castelao a que asume as competencias de Deporte.
Pardo insistiu en que hai “unha lista” para levar a cabo este procedemento, pero o goberno local xa tivo dificultades cando houbo que levar a cabo o relevo de Albino Vázquez, que dimitiu a raíz da súa imputación no marco dunha das ramificacións da ‘Pokémon’, a ‘Operación Manga’.
Entón, tras negarse a entrar José María Hernández, que ocupaba o posto 16 da lista electoral, rematou finalmente dando o paso o número 17 -José María Rosende-, que tamén barallara a posibilidade de negarse a ocupar o posto de Albino Vázquez, aínda que o rexedor acabou convencéndoo.
O seguinte na candidatura e ao que agora tocaría entrar no Pazo de Raxoi é Daniel Grela, quen tamén se pensara como nomee no anterior relevo, pero finalmente non se concretou.
Tras Grela, figuran xa na parte final da lista coa que os populares concorreron ás municipais Josefina Saavedra, Francisca García, Celsa Blanco e Julio Rosende -xubilado-. A candidatura pecharíase xa coa deputada Marta González e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.
DIMISIÓN DE ADRIÁN VARELA
Adrián Varela foi imputado no marco da Operación Pokémon en maio do pasado ano, tras o cal, pediu á xunta de goberno que autorizase o custo da súa defensa, solicitude que foi ratificada por ese órgano o 30 dese mesmo mes. Unha denuncia cidadá e a posterior instrución de dilixencias levou á imputación e procesamento, por un presunto delito de prevaricación, a todos os membros que votaron esa resolución, que sentaron no banco dos acusados o pasado 19 de maio.
Unha semana despois de que os concelleiros acudisen ao xulgado, Adrián Varela presentou a súa dimisión alegando “solidariedade” cos seus compañeiros procesados, ao tempo que motivou a súa decisión na “presión” á que estivo sometida a súa familia no último ano, dende que transcendeu a súa imputación e acudiu a declarar a Lugo ante a xuíza Pilar de Lara.
Con todo, o mesmo día en que presentou a dimisión ante o alcalde, Ángel Currás, Adrián Varela recibira outra citación, a cal transcendeu ao día seguinte. Aínda que o rexedor dixo que a descoñecía cando o exedil acudiu a presentarlle o seu cesamento, a voceiro do goberno local, María Pardo, afirmou que ela a coñecía dende o luns.
Neste caso, Adrián Varela foi chamado a declarar, o próximo 13 de xuño, en calidade de querelado por un presunto delito contra exercicio de dereitos cívicos cometido por funcionario público. A querela foi presentada a raíz das conversacións que aparecen no sumario da Pokémon relativa a que el pediu o despedimento da muller dun sindicalista do concello que traballaba para a empresa Sermasa, unha concesionaria do Concello pertencente ao Grupo Vendex e que está sendo investigada nesta operación.
FOTOGRAFÍA DO POLBO E CADEIRA ROTA
Unha das imaxes habituais das festas da Ascensión compostelanas é a dos membros do goberno local fotografándose nas carpas do polbo, pero este ano non se produciu.
Preguntada por esta ausencia, María Pardo afirmou que a ela ninguén lle comentou nada e que quedou “moi contenta” na súa casa, descansando. Ademais, recordou que foi un día “moi feo” (meteoroloxicamente falando”, e non descartou que se produza “en próximos días”.
Como anécdota, durante a rolda de prensa anterior que deu lugar ás preguntas realizadas a María Pardo, a cadeira na que estaba sentada rompeu. “¡Espero que non sexa un presaxio do que vén!”, ha ironizado entre risas a voceiro de goberno local que, ao igual que outros seis concelleiros, aínda espera a sentenza do xuízo do pasado día 19, e da cal dixo que aínda non teñen noticia.











