Manuel Baltar condena o asasinato da presidenta da Deputación de León
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quere amosar o seu fondo pesar pola morte esta tarde da presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco, quen faleceu logo de ser tiroteada en pleno centro de León. O presidente do goberno provincial manifesta, asemade, a súa máxima indignación e repugna polo ocorrido e o seu contundente rexeitamento ante esta tráxica acción violenta que rematou coa vida de Isabel Carrasco, e quere transmitir á familia e amigos da presidenta leonesa así como a todo o persoal de la Deputación de León e aos leoneses as súas condolencias e todo o afecto, “nun momento tristísimo para todos os que cremos na liberdade, a democracia e a convivencia nunha sociedade en paz e concordia”.
As relacións entre as deputacións de Ourense e León teñen sido especialmente estreitas nos últimos tempos, pois as dúas administracións están a traballar en proxectos conxuntos para levar a cabo iniciativas de cooperación en favor das dúas provincias no ámbito medioambiental e cultural.
A Deputación de Ourense suspendeu os actos previstos para hoxe, en concreto, a presentación que estaba fixada para esta tarde da exposición “Acisclos”, dos escultores Acisclo Manzano e Acisclo Novo, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.











