‘Máis que comercio!’ no Grove elixe como o seu establecemento favorito á tenda deportiva ‘O Mar’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de abril nos establecementos asociados ao CCA do Grove, elixiron como o seu comercio favorito a tenda deportiva O Mar.

Este negocio familiar especializado en deportes náuticos, que abriu as súas portas no ano 1988, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto do Grove foi a máis elevada dos cinco CCAs nos que se desenvolveu Máis que Comercio! no mes de abril, chegando a rexistrase un total de máis de 9.000 participacións.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de resaltar o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. A iniciativa da Consellería de Economía e Industria percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.

19 de maio de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.