Máis de 150 fotógrafos captarán as escenas da vida cotiá nas rúas de Ourense
Con máis de 150 preinscritos, o I Maratón Fotográfico Cidade de Ourense bota a andar mañá sábado desde a Praza Maior, onde a organización establecerá o primeiro dos puntos de control polos que irán desfilando os participantes ao longo da fin de semana. O evento está organizado pola Concellería de Cultura e a asociación Laddo.es no marco das actividades da capitalidade do Eixo Atlántico, e aberto á participación de calquera persoa maior de idade con cámara de fotos dixital que queira probar o seu talento ao tempo que goza da fotografía e da súa cidade.
O Maratón iniciarase ao mediodía de mañá, cando a organización difundirá a primeira das propostas fotográficas. Os participantes deberán pasar polos puntos de control para entregar as fotografías e coñecer os seguintes temas ás 17:00h, 21:00h e 12:00h do domingo, cando rematará o percorrido. A entrega de premios (800, 400 e 250 euros para os tres primeiros clasificados, respectivamente, alén doutros premios materiais) realizarase o domingo 11 ás 19:00 horas na praza de San Martiño.
As persoas que desexen participar aínda se poden inscribir de xeito gratuíto, de 11:00 a 11:45 horas do sábado, no punto de control instalado na Praza Maior.











