Lúa Piñeiro e Borja Ríos acadan a prata no Open de España de Taekwondo
Lúa Piñeiro (-67, Natural Sport) e Borja Ríos (-63, Hebe) lograron hoxe dúas medallas de prata no Open de España de combate que finalizou hoxe en Castellón despois de tres días de competicións. Foi unha competición dun nivel altísimo, na que ademais houbo tres bronces galegos (Miguel Cobas, José Fernández e Xián Silva).
Borja Ríos (-63, Hebe) acadou unha meritoria medalla de prata no Open de España. O galego chegou a final despois de eliminar a Carlos Brito (Portugal) por 10-4; a Kevin Hernández (8-1), Ahmed El Gourari (19-7) e Nuno Costa (Portugal) por 6-7. Na loita polo ouro caeu contra o portugués Mario Silva (5-3), nun axustadísimo combate.
Pola súa banda, Lúa Piñeiro (-67, Natural Sport) tamén estivo preto do ouro, xa que loitou ata o final pola vitoria contra a china Yun Fei Guo. Con anterioridade, gañou en cuartos de final a Sandra Lorenzo no punto de ouro (tras empate sen puntos) e nas semifinais á coreana Oh H ye Ri (6-5).
Ademais houbo tres bronces. Miguel Cobas (-54, Natural Sport) superou a Carlos Castañeda (Portugal), o alemán Sergej Kolla (5-8) e Jorge Canales (Madrid) no punto de ouro. Nas semifinais caeu contra Alex Falgas (6-11).
Os galegos Xián Silva (Mace Sport) e José Fernández (Natural Sport) lograron sendos bronces en -74 quilogramos. Xián Silva gañou ao marroquí Mohamed Hamouch (1-7), Yassir El Korachi (2-12) e Nickollas Souza (Brasil (13-20). Perdeu na semifinal contra José Luis Cruz (7-12). Pola súa banda, José Fernández gañou tres combates (ao francés Anthony Malvault, o brasileiro Josyhenrique de Souza e Manuel Beloqui) e caeu na semifinal contra o brasileiro Henrique Precioso (3-1).
Júnior. Na categoría júnior Galicia acadou un total de once medallas (1 ouro e 10 bronces) na sesión vespertina do sábado. O ouro foi para Sara García (-59, Dobok) quen superou na final á checa Adriana Simankova (0-2)- Con anterioridade gañara á británica Shanelle Rowe (2-1) e á sueca Maja Lindberg (5-3).
Ademais, houbo dez bronces para as e os deportistas galegos. Na categoría feminina, lograron o terceiro posto do podio Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), Ruth Tilve (-44, As Sport), Ainoha Ramos (-63, Luar) e Sabela López (Patiño) e Antía Pérez (en +68, Budo Castrelos).
Na categoría masculina houbo outros cinco bronces. Podemos destacar os acadados por Andrés Álvarez (-55, Couto) e Adrián Jiménez (-59, Natural Sport), pola numerosa participación nos seus pesos. Desta forma, Andrés tivo que superar tres combates para chegar as semifinais onde perdeu contra o sueco Kevin Livingstone, que foi o ouro. Asimesmo, Jiménez tamén tivo que gañar tres combates e caeu no cuarto (semifinais), contra o ruso Robert Oganesyants. Os outros bronces foron para Rubén Troitiño (-73, Mat´s), Iván García (-78, Mat´s) e Alberto Verea (-45, Maniotas).











