Lousame destina ás asociacións sen ánimo de lucro axudas por valor total de 18.500 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concelllo de Lousame destina este ano 18.500 euros a subvencións municipais a asociacións sen fin de lucro que desenvolvan programas e actividades de interese xeral e sectorial durante o ano 2014. Unha convocatoria acordada pola Xunta de Goberno Local do pasado 15 de abril e que hoxe publica o Boletín Oficial da Provincia. Polo tanto, as asociacións e entidades interesadas en participar deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Lousame antes do próximo 11 de xuño.

O Concello de Lousame subvencionará as actividades de tipo social, cultural, deportivo, educativo, asistencial ou de ocio que se desenvolvan dentro do ámbito municipal entre xaneiro e decembro de 2014, sempre que fomenten os valores democráticos, de diálogo e de tolerancia. Non serán obxecto de subvención gastos como consumo eléctrico ou telefónico, comidas ou similares que non constitúan a actividade en si, así como comisións de festas para a celebración de festas parroquiais

Documentación

Poderán solicitar estas axudas aquelas entidades públicas ou privadas que cumpran coas prescricións do artigo 13 da Lei 38/2003 e artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e que, a maiores, carezan de ánimo de lucro e se atopen ao corrente das obrigas tributarias con todas as Administracións. As entidades interesadas deberán entregar no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Lousame os modelos normalizados para a presente convocatoria, así como fotocopia do D.N.I. da persoa que asina a solicitude. No caso de persoas xurídicas, será necesaria tamén a credencial do apoderamento do comparecente.

As solicitudes presentaranse no prazo de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, é dicir, que o último día de presentación de solicitudes será o 11 de xuño. Para a concesión das axudas, o Concello de Lousame terá en conta os seguintes criterios: a continuidade, estabilidade e solvencia da entidade solicitante no ámbito no que se desenvolva a actividade proposta; a dificultade acreditada pola entidade solicitante para acudir a outros medios de financiamento, así como os medios económicos cos que conta a mesma; o número de persoas potencialmente beneficiarias e a viabilidade da actividade a desenvolver.

22 de maio de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.