Lousame convoca un curso gratuíto de preparación para a busca de emprego
O Concello de Lousame convoca un curso de preparación para a busca de emprego, unha iniciativa totalmente gratuíta e dirixida ás mulleres do municipio. O curso terá lugar en Lousame ao longo de 32 horas lectivas, impartidas entre o luns 26 de maio e o mércores 4 de xuño. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais do Concello de Lousame antes do 20 de maio. Hai un máximo de 20 prazas dispoñibles.
O curso “Preparación para a busca de emprego” ensinará ás alumnas as habilidades precisas para conseguir un traballo, dende como elaborar un bo currículo vitae ou unha carta de presentación, ata como preparase para unha entrevista de traballo. Así mesmo, as alumnas tamén recibiran unha completa formación sobre como utilizar Internet para a busca de emprego e sobre os distintos recursos dispoñibles na rede para atopar traballo.
Este curso organizado polo Concello de Lousame é unha das accións formativas incluídas en Activa Emprego, un programa formativo de mellora da empregabilidade entre as mulleres que está subvencionado con algo máis de 8.000 euros pola Deputación Provincial da Coruña. Ademais deste curso de preparación para a busca de emprego, o Concello de Lousame ten previsto organizar outro sobre agricultura ecolóxica. Máis información nos Servizos Sociais do Concello de Lousame, no 981 82 04 94 ou en www.concellodelousame.com.











