Licítase o contrato para a redacción do proxecto de mellora da estrada Guísamo-Sigrás (AC-214)
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato de servizos para a redacción do proxecto de ensanche e mellora da AC-214, no treito que vai dende a AC-213 ata a N-550.
A Xunta de Galicia achega un importe que ascende a 39.932 euros para a redacción deste proxecto de construción.
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) realizou unha serie de obras de mellora na AC-213, entre os seus PQ 1+930 e 3+810. En cambio, o treito da AC-214 que une esa estrada coa N-550 en Sigrás e, a partir dese punto, coa AC-400, presenta unha sección sensiblemente inferior tanto á das estradas que conecta como á do propio treito anterior da AC-213.
Coa realización deste proxecto a sección tipo da estrada contará cunha calzada de 7 metros (2 x 3,5 m), que poderá diminuírse naqueles puntos concretos onde así se xustifique convenientemente pola presenza de edificacións nas marxes da estrada. As beiravías serán de 2×1 m, que poderán diminuírse onde as afeccións que se producirían resulten desproporcionadas con respecto ó beneficio que se obtería.
Reordenaranse os accesos á estrada das propiedades lindeiras, de tal xeito que se manteñan ou melloren as condicións dos actualmente autorizados. Manterase a coordinación adecuada coa Administración Xeral do Estado, con outros centros directivos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, co concello de Cambre e co resto de entidades e organismos que se puideran ver afectados ou que puidesen aportar datos de interese para a redacción do estudo. En particular, manteranse os contactos oportunos coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, con respecto ó réxime de execución da remodelación da intersección coa estrada N-550.
Estudaranse con detalle as expropiacións necesarias, así como a reposición de camiños, vías pecuarias, accesos, servidumes e servizos que resulten afectados, incluíndo no estudo as actuacións que se estimen necesarias para a súa correcta reposición.











