Licítanse por 470.000 euros as obras de mellora da estación de autobuses da Coruña
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de mellora na estación de autobuses da cidade da Coruña, por un importe de máis de 470.000 euros.
A empresa adxudicataria disporá dun prazo 6 meses para a realizar estes traballos, entre os que se inclúe a instalación de dous ascensores novos, que permitirán conectar de maneira directa a planta principal da estación coas dársenas de saída e de chegada de autobuses. Os elevadores situaranse en dúas estruturas de formigón exentas do actual edificio e conectadas coa planta principal mediante dúas pasarelas peonís.
Por outra banda, colocaranse dúas novas escaleiras mecánicas que conectarán a planta semisoto coas dúas dársenas. Cabe salientar que actualmente non existen escaleiras mecánicas nesa ubicación, polo que tanto estes elementos como os ascensores suporán un importante beneficio para os usuarios, posto que teñen como obxectivo a mellora de accesibilidade dos pasaxeiros.
Plan Renove das estacións de autobuses
Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia cuxa principal finalidade é engadir valor ás mesmas, ao tempo que se mellora o servizo aos usuarios ao potenciar a accesibilidade, a calidade das instalacións e os sistemas de información.
Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega construíronse entre os anos 70 e 90, faise necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións, pero tamén a deficiencias da mobilidade, como é o caso da estación da Coruña.
O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.
Na actualidade, Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das que o Goberno galego a é a administración titular de 38 estacións.
Actuación do Concello
O proxecto da Xunta licitado hoxe no Diario Oficial de Galicia ven a completar as actuacións previstas polo Concello da Coruña por un importe de mais de 350.000 euros, o que eleva o conxunto do investimento de ambas administracións a 820.000 euros destinados á modernización da estación.
As obras previstas pola institución municipal consisten na repavimentación do firme das dársenas para garantir unha mellora no servizo ofrecido aos usuarios e do acceso dos autobuses. O proxecto inclúe a demolición do pavimento e a súa renovación, deseñando unha nova drenaxe do firme para a plataforma e a súa sinalización mediante marcas viarias.











