Lete Lasa participou no seminario Democratización da Náutica que avoga por seguir traballando na extensión dos deportes náuticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou na tarde de hoxe do seminario Democratización da Náutica: dinámicas rexionais e internacionais 2014-2020 celebrado no Centro de Remo de Viana do Castelo baixo a organización da Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima. Concretamente, a súa intervención produciuse no ámbito da charla coloquio Náutica, Deporte e Escola: experiencias e boas prácticas rexionais e internacionais, compartindo espazo con representantes portugueses e franceses, os que expuxeron as súas experiencias.

Durante a súa intervención, Lete Lasa significou como, invariablemente e tal e como sucede con outras manifestacións da realidade galega, o mar e o náutico condicionan tamén a práctica deportiva dos galegos, e tanto a nivel do deporte de base como na alta competición. “Non é casualidade que, das 19 medallas olímpicas galegas, 13 se deban á deportes ligados á auga como son o piragüismo e a vela”, apuntou o secretario xeral.

No concreto ámbito escolar, o secretario xeral para o Deporte expuxo a experiencia da actividade Xogando co Vento, implantada nesta tempada na órbita do xenérico programa da secretaría xeral para o Deporte de fomento da actividade física e deportiva entre os escolares galegos, XOGADE.

Xogando co Vento, segundo apunto José Ramón Lete, engloba distintas actividades na finalidade de acercar ós escolares o medio mariño, sendo o denominador común destas actividades o emprego do mar, do vento e da vela como instrumentos de xogo. Este ano, o programa arrancou como experiencia piloto en base á actividade de tres clubs: a Escola de Vela Cataventos de Corcubión, o Centro Náutico Municipal de Outes e o Real Club Náutico de Portosín, proporcionándose pola secretaría xeral para o Deporte o seguro deportivo ós case 300 participantes que realizan actividades programadas durante o curso escolar. As actividades se desenvolven en 2 ou 3 sesións por grupo, cunha frecuencia semanal ou quincenal, propiciando o acercamento dos escolares ó medio mariño.

“Traballar na extensión dos deportes náuticos é, en definitiva, traballar pola xeneralización do deporte e da actividade física o que, invariablemente, nos conduce a un ocio e a un estilo de vida mais sa”, remarcou o secretario xeral.

No ámbito da súa intervención, Lete Lasa recordou tamén os estupendos resultados acadados polo programa A Vela na Escola, posto en marcha na tempada 2004/2005 con motivo da saída dende Vigo da Volta ó Mundo a Vela 2005/2006, e que chegou a máis de 8.000 escolares de toda Galicia.

29 de maio de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.