Lete Lasa e o C.D. Lugo asinan un novo acordo de cesión do estadio Anxo Carro

Sinatura do convenio
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente do Club Deportivo Lugo, José Bouso, asinaron hoxe na Delegación da Xunta en Lugo o convenio de cesión do campo de fútbol Anxo Carro á entidade luguesa para o desenvolvemento da súa práctica deportiva.
O novo acordo, vixente durante dez anos e prorrogable ata un máximo de 25, actualiza o contrato de alugamento formalizado polo CD Lugo no ano 1974 coa Administración central e que se mantivo nas mesmas condicións logo de que a Xunta de Galicia asumira a titularidade do campo mediante o decreto de transferencias de 1982 para o traspaso de funcións e servizos en materia de cultura.
No acto da sinatura, no que estivo presente a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o secretario xeral para o Deporte explicou que “o novo convenio vén dar resposta ás actuais esixencias do fútbol profesional no que tan solidamente se ten asentado o CD Lugo”, que no ano 2011 ascendeu á segunda categoría da Liga de Fútbol Española, o que comporta ter que cumprir cunha serie de condicións técnico-deportivas en canto ás instalacións empregadas que non son requiridas para outros equipos de menor categoría.
Segundo o convenio referendado hoxe, o Club Deportivo Lugo comprométese a facer fronte a todos os gastos de conservación, reformas, limpeza e seguridade necesarios para garantir o bo uso das instalacións, incluído o pagamento dos impostos do que sexa obxecto o inmoble.
Así mesmo, será responsable de levar a cabo todas as obras necesarias para a adecuación do campo de fútbol ás esixencias técnico-deportivas do Consello Superior de Deportes para poder participar na competición española como club de segunda categoría, xunto con calquera outra obra ou mellora que indiquen a normativa xeral e a Liga de Fútbol Profesional.
Lete Lasa aproveitou o acto de sinatura para desexar “que o Club Deportivo Lugo continúe a súa traxectoria ascendente dos últimos anos, que as máis de 7.800 localidades con que conta o Anxo Carro na actualidade sigan enchéndose cada fin de semana, como aconteceu este sábado no derbi contra o Depor, e que o equipo siga alimentando os sonos dos seus afeccionados e o orgullo de todos os lucenses”.











