Juan Maneiro e Lowri Evans apoian ás empresas galegas na Feira Seafood de Bruxelas

Feira European Seafood Exposition de Bruxelas
O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, acompañado pola directora general da D.G. Mare da Comisión Europea, Lowri Evans, e o secretario general de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Carlos Domínguez, visitaron esta mañá ás empresas galegas participantes na Feira European Seafood Exposition de Bruxelas, considerado o evento máis importante do mundo no eido do comercio dos produtos marítimo-pesqueiros.
As autoridades coñeceron de primeira man os produtos galegos do mar que alí se promocionan, fundamentalmente pertencentes ás áreas da pesca, conxelado, ultraconxelado, transformación, acuicultura, comercialización e conserva.
A Consellería do Medio Rural e do Mar está presente nesta XXII edición cun stand de 447 metros cadrados, que acolle e dá cobertura a un total de 34 empresas galegas. Ao igual que en anos anteriores, este certame promociona tamén outros sectores, caso dos equipamentos e maquinaria para o procesamento industrial, embalaxes e contedores, servizos relacionados co transporte e o control da calidade e outros produtos complementarios.
Datos da Seafood
Esta edición da European Seafood Exposition pechará as súas portas mañá, xoves 8 de maio, no palacio de exposicións da capital comunitaria. A importancia desta feira internacional vese reflectida nos datos da pasada edición, na que participaron 1.690 expositores de 75 países e houbo máis de 25.000 visitantes.











