IX Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva en Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPoio
A-
A+

Esta será a novena edición da xuntanza de gaiteiros Manuel Villanueva, que se celebrará ao longo dos días 6, 7 e 8 de xuño n’A Reiboa (San Xoán).Trátase do evento lúdico central da actividade anual da Escola de Música Tradicional de Poio, coa colaboración da Concellaría de Cultura.

Destácase ademais a labor que realiza a Escola desde a súa fundación, tanto na docencia de música e danza tradicional como na recuperación doutros aspectos culturais como os xogos tradicionais, os magostos e as muíñadas.A Escola, que este ano chega ao seu 11º aniversario, ademais da actividade docente continuada de instrumentos tradicionais, baile e cantareiras, leva a cabo ao longo do ano diversas actividades encamiñadas a recuperar, conservar e manter vivas a nosa música e as nosas tradicións, como magostos, xogos populares, muiñadas… que teñen como obxectivo a participación de persoas de todas as xeracións, desde os máis cativos ata os maiores.

Neste evento, poderase gozar da boa música tradicional durante todo o día grazas á presenza das bandas de gaitas do Barqueiro (Mañón), Barbude (A Estrada) e como non, os grupos de música e cantareiras da Escola de Música Tradicional de Poio. Tamén terá lugar a opción de micros abertos para todo os os músicos que veñan a participar da festa e que queiran amenizar a xornada.

A outra parte imprescindible dunha romaría e a parte gastronómica, a Romaría contará con bar e postos de churrasco, empanada, polbo, arroces, bebidas… a prezos moi populares, e tamén haberá postos de artesanía e exposición e animación infantil de maxia o domingo pola mañá co mago Damián, para que todos, tanto maiores como cativos, disfruten destas xornadas de celebración da nosa música.

Non hai que esquecer que o lugar de celebración, A Reiboa, está nun entorno natural privilexiado, ao carón da costa con moitos atractivos como o roteiro dos muíños da Freixa, o que contribúe a facer máis agradábel esta xuntanza.

Na noite do sábado, o escenario acollerá tamén propostas de música pop / rock, co grupo Red Trebol.

En edicións anteriores, foron máis de 3000 os veciños e visitantes que se achegaron a xantar ou cear á Romaría, e máis dun centenar de músicos os que actuaron na Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.

30 de maio de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.