Intenso fin de semana en Cangas con dous campionatos provinciais escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportes
A-
A+

Hoxe presentouse en Cangas na Casa da Xuventude o Campionato Provincial Escolar de Atletismo Infantil e o Campionato Provincial Escolar de Tenis de Mesa que terán lugar o próximo fin de semana baixo o patrocinio da Xunta de Galicia. O acto estivo presidido polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño acompañado polo Xefe de Deportes na provincia de Pontevedra da Xunta de Galicia Daniel Benavides. Tamén estiveron o presidente do Club Cinania de Tenis de Mesa Ángel Fernández, a presidenta do Club de Atletismo Vila de Cangas María del Carmen Parada, o vicepresidente do club Atletismo Morrazo Miguel Arévalo e o asesor de Deporte Escolar Eleuterio García.

Soliño resaltou que “dende as institucións debemos apoiar aos clubs para desenvolver este tipo de eventos” así como recoñeceu a labor desenvolvida polos diferentes clubes na vila , “verdadeiros artífices deste tipo de eventos” apuntou, ademais de recalcar que a intensa axenda deportiva da localidade demostrando unha vez máis que “Cangas é un pobo deportista” rematou.

Benavides subliñou que “Cangas concentra esta fin de semana dous eventos de deporte escolar que está dirixidos aos máis cativos”, “esto non é casualidade xa que é froito do bo traballo realizado polos clubs cangueses” engadiu, dos cales destacou a súa capacidade organizativa, “facendo que as citas deportivas sexan todo un éxito”.

Daniel Benavides tamén informou que este ano desenvolveuse un programa piloto para achegar o atletismo aos escolares do cal esperan facer balance en datas próximas co obxectivo de cara o próximo curso de organizar probas de promoción deste deporte en colaboracións cos centro escolares. Neste punto destacou que “Cangas é un referente neste ámbito xa que entidades deportivas como o Club de Atletismo Vila de Cangas foron pioneiros en desenvolver este tipo de iniciativas que na actualidade xa están consolidadas”

O sábado ás 10.00 horas terá lugar o Campionato Provincial Escolar de Atletismo Infantil no Estadio Municipal de Atletismo no que participarán máis de 300 deportistas en 33 probas, 17 masculinas e 16 femininas. Eleuterio García, asesor de Deporte Escolar, destacou que como novidade introdúcese unha proba de relevos por equipos. Pola súa banda o vicepresidente de Atletismo Morrazo Miguel Arévalo agradeceu a colaboración institucional para o desenvolvemento deste tipo de campionatos destacándose dende o club Vila de Cangas o esforzo organizativo que hai detrás desta proba “na que participan os atletas coas 16 mellores marcas en cada modalidade”.

O presidente do Club Cinania de Tenis de Mesa Ángel Fernández recordou que no Campionato Provincial Escolar de Tenis de Mesa van a estar presentes “os oito mellores clubes da provincia nas diferentes categorías”. No evento, que terá lugar o domingo dende ás 10.00 horas ata as 18.00 horas no Pavillón Municipal de Romarigo, participarán ao redor de 100 deportistas nas categorías benxamín mixto, alevín mixto ademais de infantil e cadete masculino e feminino.

13 de maio de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.