Inícianse as tarefas de instalación da nova balaustrada da praia do Preguntoiro
O paseo da praia do Preguntorio, en Vilaxoán, lucirá este verán unha imaxe renovada coa substitución da deteriorada varanda de aceiro por outra inspirada na tradicional balaustrada da Praia da Compostela. A actuación solicitada polo Concello será executada por Portos de Galicia, que hoxe mesmo comezou a descargar as pezas da nova balaustrada.
A actuación no Preguntoiro responde ás xestións realizadas polo Concello ante Portos de Galicia, titular dos terreos, a efectos de solventar as deficiencias que presenta a actual varanda de aceito, rota en tramos e en moi mal estado noutros. Aproveitando a necesidade de cambiala, o goberno presidido por Tomás Fole, solicitou unificar a imaxe da praia de Vilaxoán con outras zonas da costa de Vilagarcía tan representativas como a Praia da Compostela e o paseo marítimo ao seu paso polo porto de pasaxeiros ou polo peirao de Carril, proposta aceptada pola entidade que preside José Juan Durán.
A actuación ten un dobre obxectivo. Ademais de unificar e mellorar a imaxe da praia vilaxoanesa, a nova balaustrada aportará unha maior seguridade á zona, en especial nos tramos nos que o nivel do paseo é moi superior ao da praia. Naqueles traxectos onde o areal está a ras da beirarrúa, a varanda terá un deseño máis baixo a modo de bancada.
O proxecto que executa Portos comezou hai unhas semanas co acondicionamento da calzada, a mellora das medidas de seguridade viaria coa elevación de peóns, e a colocación de novas luminarias ao longo do paseo. Agora procederase á retirada da vella varanda de aceiro e, por último, instalarase a nova balaustrada.
Os traballos atrasáronse máis do debido debido ás malas condicións climatolóxicas rexistradas durante os meses de outono e inverno que impediron comezar as obras antes. Non obstante, a previsión é que os traballos estean completamente rematados antes da chegada do verán, a efectos de presentar a mellor imaxe para acoller aos bañistas da localidade a aos turistas que visiten a zona durante a temporada estival.
Con esta actuación o goberno local tamén pretende revitalizar a actividade turística en Vilaxoán.











