Inaugúrase o I Simposio de Historia e Patrimonio Cultural de Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Salón García acolle esta fin de semana o I Simposio de Historia e Patrimonio Cultural de Vilagarcía de Arousa, unha iniciativa organizada pola Concellería de Cultura co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor a riqueza histórica e patrimonial existente na zona. O alcalde, Tomás Fole, inaugura esta tarde o simposio que durante tres xornadas contará coa participación de historiadores, expertos e profesores para ilustrar diversos aspectos do patrimonio histórico de Vilagarcía e a súa contorna, orientado máis en concreto nesta primeira edición ás etapas medieval e románica.

O I Simposio de Historia e Patrimonio Cultural de Vilagarcía de Arousa abrirase ás 17:30 horas coa presenza do alcalde, Tomás Fole; a concelleira de Cultura, Rocío Llovo e o director da actividade, o profesor Augusto Guedes. Tras a presentación, nesta xornada inaugural celebraranse dúas conferencias. A primeira, a cargo do membro do colectivo Amigos del Románico, Juan Antonio Olañeta, comezará ás 18:00 horas e versará sobre “Patrimonio románico e sociedade civil: cando os cidadáns asumen a iniciativa de divulgar e conservar o patrimonio”.

Para pechar o día, a partir das 19:0 horas desenvolverase o relatorio do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero, titulado ” Territorio e patrimonio. Dous dos factores para unha xestión cultural sostible”.

Seis conferencias para o sábado

A xornada principal do simposio será a de mañá, sábado, xa que está prevista a celebración de seis conferencias distribuídas en horario de mañá e tarde. O programa do día abrirase ás 10 da mañá co relatorio “As orixes altomedievais da comarca de Arousa” a cargo de Carlos Baliñas Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela.

Ás 11 o membro do Grupo de Investigación en Patrimonio Construido, UPV/EHU, Xurxo Ayán Vila falará sobre “O románico mar de Arousa: arqueoloxía dunha paisaxe medieval”,. E ás 12:30 horas a profesora da USC, Maria Isabel Morán Cabanas, pechará as actividades matutinas coa conferencia “En romaria” e com “lirias no son”: Cantigas medievais galego-portuguesas em Santiago de Compostela”.

Xa pola tarde, o simposio retoma a súa actividade ás 16.30 horas co relatorio “O portal románico como performance” a cargo de Manuel Castiñeiras González, da Universidade Autónoma de Barcelona. O director do simposio e membro do colectivo Amigos del Románico, Augusto Guedes de Castro, exporá a partir das 17:30 horas a ponencia “A expansión hispana dos esmaltes de Limoges: estudo dos frontais de Aralar, Silos e Ourense”. A última conferencia do día será a que protagonizará Alicia Padín Buceta, de Amigos del Románico, que se centrará nun importante elemento do patrimonio local co seu traballo sobre “Patrimonio románico de Vilagarcía de Arousa: San Martiño de Sobrán e San Pedro de Fontecarmoa”.

Ruta e acto de clausura

A primeira edición do Simposio de Historia e Patrimonio Cultural de Vilagarcía de Arousa pécase o domingo, xornada na que está prevista a realización dunha Ruta Arousa Medieval e Románica a partir das 9:30 da mañá e o posterior acto de clausura e entrega de diplomas que se celebrará no Salón García ás 14:00 horas.

9 de maio de 2014 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.