I Maratón de Fotografía Cidade de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ourense, no marco das actividades da capitalidade do Eixo Atlántico, celebra os vindeiros 10 e 11 de maio o I Maratón de Fotografía Cidade de Ourense. O concurso, aberto á participación de calquera persoa maior de idade con cámara de fotos dixital que queiran probar o seu talento, anima a percorrer a cidade na procura de situación cotiás en lugares públicos e, ao mesmo tempo, propón unha xornada lúdica para ollar a cidade con outro punto de vista. Os gañadores das mellores fotografías ou series fotográficas, alén dos premios económicos e materiais que se propoñen nas bases, poderán expor as súas obras nunha exposición coletiva aberta a todos os cidadáns.

O Maratón, cun formato semellante ao das xincanas, partirá o sábado 10 ás 12:00 horas da Praza Maior de Ourense, onde a organización establecerá un punto de control e proporá aos participantes un primeiro tema para fotografar. Os concursantes deberán presentarse novamente no lugar e hora que marque a organización, cando serán informados do seguinte tema. En total, serán tres os argumentos a fotografar os que suxerirá a organización nos sucesivos controis, sendo os límites do Concello de Ourense a única fronteira. Para facilitar a mobilidade dos concursantes, a organización do Maratón está a xestionar que se poida empregar o servizo de transporte público de balde. A entrega definitiva das fotos farase o domingo 11 ás 12:00 horas na Praza Maior, emprazamento e hora idóneos para compartir impresións sobre todo o proceso entre todos os asistentes.

Avaliación e premios

Un xurado profesional encargarase de avaliar as fotografías presentadas, que só poderán ser moderadamente procesadas dixitalmente segundo establecen as bases do concurso, en función da súa orixinalidade, calidade técnica e artística. En calquera caso, a orixinalidade da ollada sempre prevalecerá sobre outros aspectos. Así mesmo, os membros do xurado e organización asesorarán aos participantes no concurso, resolvendo dúbidas ou interesándose polos proxectos de todos aqueles participantes que o soliciten.

Os premios oscilan entre os 250 euros do terceiro premio e os 800 euros do primeiro na categoría de series fotográficas. Tamén se prevén diferentes premios, outorgados por firmas privadas, para facer máis atraente a competición entre todos os participantes.

Anotarse neste I Maratón de fotografía é gratuíto e moi sinxelo: só hai que encher un formulario que se atopa aloxado na páxina web Ourensecultura.com canda as bases do concurso. A inscrición pódese facer tamén o propio sábado 10 de maio entre as 11:00 e 11:45 horas no posto de control instalado na Praza Maior. A organización habilita o enderezo de correo fotomaraton@ourensecultura.com para calquera dúbida que puidese xorder.

A actividade está organizada polo Concello de Ourense coa inestimable iniciativa do coletivo de artistas ourensáns LADDO.

2 de maio de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.