Hermanos García Rocha exemplifica unha industria dos serradoiros que incrementou a súa facturación nun 15%

Francisco Conde na visita a Hermanos García Rocha
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ás instalacións de Hermanos García Rocha, o bo facer dunha empresa que se ten convertido nun referente dos serradoiros galegos, unha industria capacitada para fixar poboación no rural e que incrementou a súa facturación un 15% en 2013 ata acadar os 250 millóns de euros.
“Hermanos García Rocha, como o resto da industria do serrado, desempeña unha actividade fundamental para a dinamización da nosa economía”, sinalou o conselleiro, que resaltou tamén as boas cifras acadadas polo conxunto da industria da madeira. Esta facturou o último ano preto de 1.700 millóns, un 2,6% máis que en 2012, configurándose a industria madeireira como a a actividade industrial galega que máis emprego xera sumando o 6,6% da poboación activa.
“Galicia conta cunha industria pioneira no desenvolvemento de produtos a nivel nacional e internacional”, destacou o titular de Economía e Industria. Así, a madeira galega incrementou as súas exportacións nun 10% no último exercicio, o que fai de Galicia a comunidade que máis exporta no sector.
Nesta busca de novos mercados, o conselleiro resaltou o papel que desempeña a innovación de cara a incrementar a competitividade empresarial. Un eido no que subliñou o compromiso de Hermanos García Rocha ao impulsar a creación de produtos e a valorización dos subprodutos, promover a diversificación e contar con selos de certificación forestal sostible.