Gustavo Maison, Alvaro Basadre e Jorge Barcia vencen na clase Laser 4.7, Radial e Optimist

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

Organizado polo Real Club Náutico da Coruña, o pasado fin de semana celebrouse o TROFEO GRILLETE – CLASIFICATORIA Clase Laser, VII TROFEO C.O.R.A. Clase Optimist, que congregou aos mellores regatistas galegos en augas coruñesas.

Na xornada do sábado cumpríronse as previsións meteorolóxicas, e todas as clases puideron completar as 3 probas programadas. A primeira celebrouse con vento frouxo do nordeste, pero nas dúas seguintes o vento rolou ao norte e aumentou, establecéndose en 20 nós de intensidade. En clase Laser 4.7 dominio de Gustavo Maison do CM Oza, en Laser Radial Alberto Basadre do CM Canido impúñase ao resto da flota, e Roque Vello en Laser Standard lideraba a xeral. En clase Optimist, Jorge Barcia do RCN Coruña foi o máis regular finalizando a xornada como líder en categoría “A”, Iago Formosel do RCN Coruña en categoría “B”, Marta Tábara en categoría “C”, e Jaime Páramo en categoría “Escola”.

Na xornada do domingo, tras un adiamento de dúas horas en terra, o vento do noroeste comezou a encher a bahía herculina a partir das 12.00 horas, permitindo completar dúas probas a todas as clases participantes. En clase Laser 4.7, a flota máis numerosa, a vencedora da xornada foi Laura Trastoy que fixo dous primeiros postos. En Laser Radial Alberto Basadre, asegurábase a vitoria na xeral tamén con dous primeiros postos. A clasificación xeral en Laser 4.7 sería para Gustavo Maison do CM Oza con 7 puntos, por diante de Laura Trastoy e Cristian Carnota. En Laser Radial, o vencedor da xeral foi Alberto Basadre do CM Canido con 5 puntos, por diante de Alvaro Sobral e Esteban Martinez do Outeiro do RCN Coruña. En clase Laser Standard o vencedor foi Roque Viejo.

En clase Optimist, Jorge Barcia do RCN Coruña impúñase nas dúas probas do domingo, sendo segundo clasificado tamén en ambas Gonzalo Criado tamén do RCN Coruña, que ao cabo serían vencedor e segundo clasificado respectivamente, o terceiro clasificado foi Jorge Tábara tamén do RCN Coruña. En categoría “B” o vencedor da xeral foi Miguel Pérez do CM Oza, en categoría “C” Marta Tabara, e en categoría “Escola” o gañador foi Jaime Páramo tamén do RCN Coruña.

Ao finalizar as probas do domingo celebrouse a entrega de Trofeos aos vencedores de mans de Javier Ojea e Antón Pellejero, vice-Presidente e Comodoro do RCN Coruña.

5 de maio de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.