Gran participación nos obradoiros do Horto Infantil de Carballo
O luns 19 de maio botou a andar a actividade no Horto Infantil Municipal, unha iniciativa na que os cativos e cativas de Infantil e Primaria de Carballo poderán reflexionar de forma lúdica acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe a través de numerosas actividades. Nestes momentos xa están practicamente cubertas as prazas para participar nos primeiros cinco obradoiros (con entre 15 e 20 prazas dispoñibles en cada un) que terán lugar no Horto Ecolóxico da Rúa Nardos da capital municipal. Os talleres (un deles na imaxe) son gratuítos e os interesados e interesadas poden obter máis información sobre as actividades e as prazas que queden dispoñibles ben no propio Horto ou a través do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org>. Respecto das temáticas dos obradoiros que comezan, dous deles realizados polo Concello, outro pola asociación ecoloxista Adega, e outros dous pola Asociación Ambiental Senda Nova, abranguen desde como crear un xardín ornamental, ata aprender a facer compostaxe, a creación dunha horta ou a realización de actividades de achegamento á natureza. Ademais, tamén está previsto que os nenos e nenas creen no futuro unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebren Pequefeiras nas que venderán o obtido do seu traballo. Entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, ao mesmo tempo sementando neles o espíritu de iniciativa e de emprendemento, cooperación e xestión.