Gran interese pola actuación de Amancio Prada no Auditorio de Vilagarcía
A actuación que o cantautor Amancio Prada realizará mañá, 21 de maio, no Auditorio Municipal está a espertar moito interese por parte dos vilagarciáns como demostra o ritmo ao que se recolleron as invitacións na primeira xornada de reparto na que se distribuíron 536 entradas. O cantautor do Bierzo presenta en Vilagarcía un espectáculo músico teatral no que renderá homenaxe a Rosalía de Castro a través da obra de Federico García Lorca.
A música e a literatura únense neste espectáculo para crear un diálogo escénico entre o cantautor leonés e dous dos poetas máis célebres do noso país: Federico García Lorca e Rosalía de Castro. Unha forma inédita de conmemorar o 150 aniversario de “Cantares Gallegos” a través dos poemas que Lorca escribiu en galego na honra de Rosalía.
O espectáculo “A Rosalía de Federico” chega a Vilagarcía no marco da xira de Amancio Prada promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra. A entrada é libre e de balde, previa retirada de invitacións. Estas comezáronse a repartir o luns no departamento de Protocolo do Concello, saldándose a primeira xornada coa entrega de 536 invitacións das 756 localidades que compoñen o aforo do Auditorio. O reparto continúa hoxe e mañá pola mañá ata esgotar as entradas. De sobrar algunha, estas poranse a disposición do público na billeteira do Auditorio antes do inicio do concerto.
Por outro lado, lembrar que a hora inicial do espectáculo pospúxose ata as 22:00 horas para facilitar a chegada da xente que ten xornada laboral de tarde e tendo en conta que o xoves é festivo local en Vilagarcía, festividade de Santa Rita.











