publicidade hoxe

“Gómez” e “Salao” vencedores da Regata Castelo de San Antón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a XVI REGATA CASTELO DE SAN ANTÓN para a clase Cruceiro e J80. Na xornada do sábado, desde primeira hora da mañá prevíanse unhas duras condicións de vento, con nordeste que comezaba a soprar forte ao mediodía. Ao final non foi para tanto e a presión alcanzou puntas de 22 nós, pero nada preocupante para as tripulacións. O máis destacable da xornada foi o contratempo sufrido polo “Gómez” de Andrés Soto cando navegaban a través dos Faros de Mera. O cable do candelero, que suxeita a parte da tripulación cando “fan banda” cara a barlovento, rompía e provocaba a caída ao mar de 4 dos seus tripulantes, sendo rapidamente rescatados pola neumática do balizador e polo “Hansa” de Julián Ojea, que navegaba xusto na súa popa e viu como caían á auga, do que rapidamente avisaron ao Comité de Regatas. Non houbo que lamentar feridos, aínda que o susto dos regatistas ao caer pola borda foi importante. Tras completar o percorrido costeiro de 18 millas náuticas virando a baliza do “Mourón” na entrada da ría de “Redes”, a vitoria foi para o “Hansa” de Julián Ojea en clase 0-2, e para o “Salao” de David Rivero en clase 3.

O domingo celebrouse o segundo percorrido costeiro, esta vez de 9 millas no interior da bahía coruñesa, xa que o vento sopraba suave e ía perdendo presión a medida que avanzaba a tarde. En clase 0-2, esta vez o “Gómez” de Andrés Soto impúñase na proba por diante do “Araucaria” de Joaquín Cobelo e do “Hansa” de Julián Ojea. En clase 3, estivo moito máis axustado e o “Salao” volvíase a impor na proba, aínda que a pouca distancia do “Argallán” de Domingo Plana e do J80 “Kakako” de Caco Vilariño. A regata foi un continuo intercambio de posicións entre estas tres tripulacións.

A vitoria na xeral final sería para o “Gómez” por diante do “Hansa” e do “Araucaria”, mentres que en clase 3 o vencedor foi o “Salao” por diante do “Argallán” e do “Kakako”.

Este sábado celebrarase a III REGATA PORTO EXTERIOR, cun percorrido costeiro que inclúe virar unha baliza na entrada do Porto Exterior de Punta Langosteira, cunha distancia aproximadamente de 20-25 millas náuticas.

19 de maio de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.