“GDiez” e “Patacón” vencen na III Regata Porto Exterior
O pasado sábado celebrábase a III REGATA PORTO EXTERIOR para a clase Cruceiro, organizada polo Real Club Náutico da Coruña co patrocinio do Concello de Arteixo.
Ás 14.00 horas, con vento frouxo e rolón do norte – noroeste e 10-12 nós, comezaba a regata desde o interior do Porto Coruñés. Boa saída da “Vitoria” de Jesús Pintos, que eses primeiros compases da regata distanciábase lixeiramente da flota, seguido polo “Gdiez” de José Naya. Ao paso pola baliza da Guisanda, o vento rolaba ao oeste-noroeste facendo que o seguinte tramo fose unha longa cinguida de 8 millas náuticas até o Porto Exterior de Punta Langosteira. O primeiro barco en tomar a baliza foi o “Gómez” de Andrés Soto por diante do “Kotablue” patroneado por Esteban Martínez do Outeiro e do “Hansa” de Julián Ojea. En clase 3, viraba na cabeza o “·Argallán” de Domingo Plana por diante do “Zóspiro” de Guillermo Branco. Agora comezaba unha longa empopada de volta a Coruña na que a “Vitoria” e “GDiez” navegaban mellor e colocábanse na cabeza. Na entrada da bahía da Coruña, o “Hansa” perdía varios postos, en beneficio da “Vitoria” e do “GDiez” que ao cabo serían os vencedores. “Gómez” foi o primeiro en cruzar a liña en tempo real, por diante do “Kotablue”, aínda que a vitoria en tempo compensado foi para o “GDiez” de José Naya, 2 minutos por diante do 2º clasificado a “Vitoria” de Jesús Pintos, sendo o terceiro clasificado o “Gómez” de Andrés Soto.
En clase 3, a vitoria estivo moi rifada, e o gañador foi o “Patacón” de José Ubago, 20 segundos por diante do “Salao” de David Rivero, e en terceira posición o “Argallán” de Domingo Plana a 26 segundos.
Ao finalizar a regata celebrouse no Pañol do Real Club Náutico da Coruña a entrega de trofeos aos vencedores nas dúas categorías, de man do Presidente do Club, Germán Suárez-Pumariega, acompañado pola Concelleira de Educación do Concello de Arteixo, Celina Varela, vicepresidente do RCN Coruña, Javier Ojea, e o Comodoro do RCN Coruña, Antón Pellejero.











