Garántese o servizo de transporte público á urbanización dos Tilos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas enviou hoxe aos concellos de Santiago de Compostela e Teo o borrador do convenio de colaboración para a coordinación dos servizos de transporte público con orixe ou destino na urbanización dos Tilos.
O texto elaborado pola Dirección Xeral de Mobilidade garante o servizo á urbanización e baséase na recente Lei 14/2013, do 26 de decembro centrada na racionalización do sector público autonómico. Esta normativa marca a posibilidade de que as administracións formalicen convenios de colaboración para desenvolver actuacións de coordinación de servizos de transporte das súas respectivas competencias, nas que se inclúen a extensión dos servizos interurbanos ao transporte urbano ou viceversa.
Grazas a esta nova lei, concellos e Goberno autonómico poden ofrecer aos veciños de Teo e Santiago mellores conexións estendendo os servizos do transporte urbano da cidade de Santiago ao ámbito da urbanización. A prestación deste servizo por parte do transporte urbano de Santiago lévase efectuando dende hai máis de vinte anos, e deu lugar a distintos contenciosos entre as empresas que aspiraban á súa prestación.
A través do acordo asegúrase a adecuación do servizo ás necesidades reais de desprazamento dos veciños desta urbanización, situada sobre o propio límite dos termos municipais de Santiago e de Teo, e cunha clara conexión coa capital autonómica, e sen que isto presente repercusión para os contratistas da zona, que seguirán explotando os seus actuais servizos sen modificacións.
Desta maneira, as características da oferta en canto a calendario, horarios, itinerarios, prezos e penetración urbana son as que se adaptan de maneira máis precisa ás necesidades dun asentamento periurbano como é a dita urbanización. Ademais, a prestación deste servizo por parte do transporte urbano de Santiago supón unha clara optimización de recursos das propias empresas e da administración, dado que o servizo urbano xa se achegaba con antelación ata o límite municipal, na inmediación da propia urbanización, co que cunha mínima extensión permite dar servizo a un número importante de novos usuarios.
Xa que logo, mediante esta colaboración habilítase o transporte urbano da cidade de Santiago a estender os seus servizos á urbanización dos Tilos situada fóra do seu termo municipal. En virtude de tal habilitación, poderá realizar tráficos interurbanos coa urbanización, tanto de entrada como de saída da cidade.
Condicións do servizo
Tras ser analizado por ambas administracións locais, as partes implicadas precederán a asinar o convenio de colaboración que establecerá as seguintes condicións na prestación deste servizo:
O servizo de transporte público colectivo á urbanización dos Tilos será prestado pola empresa contratista da xestión do servizo público de transporte urbano do Concello de Santiago de Compostela. O Concello, como órgano de contratación, impulsará as adaptacións oportunas no contrato de xestión do transporte urbano.
O servizo á urbanización dos Tilos prestarase mediante a extensión das actuais liñas 6 e 12 do transporte urbano. As modificacións que teñan un contido substancial deberán ser aprobadas pola Comisión de Seguimento, logo de negociación no seo da Comisión Técnica.
Os servizos obxecto deste convenio prestaranse en condicións equivalentes ás do resto do transporte urbano de Santiago de Compostela, especialmente no que se refire a tarifas, descontos, abonos, frecuencias, horarios, características dos vehículos e accesibilidade.
Este convenio de colaboración entrará en vigor o día seguinte ao da súa sinatura e terá unha vixencia indefinida. Ademais co fin de cumprir o seu obxectivo, crearase unha comisión técnica composta por unha persoa da Consellería de Medio Ambiente designada pola dirección xeral de Mobilidade e outra do Concello de Santiago designada pola alcaldía.











