Galicia brillou na Copa de España que se disputou en Verducido

Proba C-2 500 masculino en Verducido
Galicia brillou na Copa de España de 200 e 500 metros que se disputou en Verducido e que concluíu coas vitorias en sete das oito regatas da categoría sénior na modalidade de barcos dobres. O Kaiak Tudense, gran favorito a imporse na liga Nacional de pista, ocupou o segundo posto na clasificación xeral e só queda o Campionato de España de verán para cumprir un dos seus grandes desafíos para a presente tempada. Cinco clubs galegos lograron estar entre os dez primeiros na clasificación da Copa de España.
A xornada dedicada aos barcos dobres resultou espectacular en canto aos resultados. En K-2 200 metros, o Fluvial de Lugo con Isaac Toro e Miguel Martínez logrou o triunfo por diante de Carlos Arévalo e David Vilariño, da Ría de Betanzos. Tamén C-2 200 metros rexistrouse o triunfo de André Oliveira e Yeray Picallo, do Firrete, superando na regata ao Poio Pescamar e á Náutico Ría de Betanzos.
Na distancia de 500 metros tamén houbo dominio galego, co primeiro e o terceiro posto das embarcacións do Kaiak Tudense. Óscar Carreira e Rubén Millán, mentres Diego Piña e Víctor Javier Rodríguez foron terceiros. E na especialidade de canoa, os galegos foron maioría, co triunfo do Bregoán do Grove con Ton Campos e Diego Romeu, que se impuxeron ao Firrete, con Yeray Picallo e André Oliveira, e á Ría de Betanzos con José Manuel Sánchez e Adrián Freira. O Breogán, Poio, Nático de Betanzos, As Torres Romaría Viquinga e Kaiak Tudense tamén tiveron presenza na final.
Na categoría feminina, Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, da Cidade de Pontevedra, dominaron en C-2 200 metros e foron segundas na distancia de 500 metros. Nesta última regata, o Rías Baixas ocupou a terceira posición. O Kaiak Tudense foi primeiro en 500 metros, con Ana Varela e Carla Pérez, e segundo en 200 metros, distancia en que a se viu superado polo Breogán do Grove.
Por equipos, o Náutico de Sevilla ocupou a primeira posición seguido polo Kaiak Tudense. O Breogán do Grove terminou sexto, o Pontecesures ocupou a sétima posición, As Torres Romaría Viquinga foi oitavo e noveno o Poio Pescamar. Na competición participaron 72 equipos, deles 23 galegos.











