GalEco dará a coñecer as últimas novidades das enerxías renovables en Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeiraLocal Portada
A-
A+

A segunda edición de GalEco, Galería aberta ao mundo do Medio Ambiente, dará a coñecer as últimas novidades no mercado das enerxías renovables para particulares e empresas. A cita terá lugar os días 7 e 8 de xuño no casco histórico da vila de Cedeira. Ata o momento, o Concello, promotor da iniciativa, confirmou a participación dunha decea de empresas, asociacións e institucións. Número que podería medrar en próximas datas. Así, as firmas Grupo Austen, IGF, Instalaciones y Mantenimientos Cedeira, Electricidad Cordobelas, AGD CyL SL, Tuimil Electricidad, Polux Hispania ou Promace presentarán en Cedeira as súas solucións en materia de eficiencia enerxética cun obxectivo claro: fomentar o uso das enerxías renovables principalmente a nivel doméstico.

Para isto, darán a coñecer os sistemas que veciños e veciñas, empresas e incluso administracións teñen á súa disposición, e o público poderá achegarse ao seu funcionamento e beneficios, tanto medioambientais como económicos.

A tecnoloxía smart, enfocada a particulares e administracións públicas, estará tamén moi presente en GalEco a través da firma naronesa Grupo Austen, especializada en wireless sensor networks. En Cedeira dará a coñecer Siega System e SiLamp, dúas ferramentas de eficiencia enerxética con múltiples aplicacións no campo da agricultura, o alumbrado público ou a xestión de residuos. Unha tecnoloxía que funciona con éxito na smartcity de Santander. E unhas ferramentas que permiten xestionar a través do móbil ou o ordenador dende o control do rego en cultivos ou xardíns ata o encendido e apagado programado dos puntos de luz.

Os sistemas de enerxías renovables para vivendas e negocios tamén terán un papel destacado este ano en GalEco. Firmas como IGF, Polux Hispania ou Instalaciones y Mantenimiento Cedeira darán conta de todos eles, respetuosos co medio ambiente e con evidentes ventaxas para os seus usuarios a nivel económico. Exporánse paneis solares para a producción de auga quente, que permiten un aforro enerxético anual de ata o 80%; sistemas de calefacción por biomasa, que facilitan unha rebaixa do recibo dun 50% respecto a outros sistemas como o gas ou o gasóil ou circuitos de calefacción centrados na enerxía xeotérmica.

GalEco tamén reservará un espacio destacado ao sector forestal da man de Promace (a Asociación de Productores de Madeira de Cedeira) e da empresa Auténtica Generación Distribuida (AGD CyL), promotora da planta de coxeneración de biomasa forestal asentada no polígono industrial da Trabe. No caso de Promace, trátase dunha asociación que, cada ano, xestiona a tala e comercialización de entre 50.000 e 60.000 toneladas de madeira. Os dous millóns de euros que supón a venda desa madeira para os seus asociados dá boa proba do peso económico da súa actividade na zona. Actividade que desenvolve baixo os máis esixentes estándares de calidade e respeto medioambiental. Así o acredita o selo FSC, que garante que os seus productos proceden dunha xestión racional e responsable da masa forestal na que se conxugan criterios ambientais, sociais e económicos. Un elemento diferenciador que pon en valor a súa producción.

Pero, ¿en que se transforma a súa madeira? Dende a producción de pasta de papel á producción de enerxía térmica e pellets. En GalEco, e a nivel doméstico, AGD CyL explicará o seu proceso de producción, pero tamén mostrará as ventaxas de recurrir ao pellet como combustible ecolóxico. Válido para calefacción e xenerar auga quente sanitaria en vivendas unifamiliares, comunidades de veciños, empresas, industria ou comercios. Así mesmo, ofrece unha doble ventaxa sobre o combustible fósil: Económica, xa que é un 50% máis barata que o gasóleo e recurrindo a eles non se depende dos continuos cambios no prezo doutros combustibles, e medio ambiental, xa que se trata dunha fonte de enerxía renovable, co que contribúe a rebaixar significativamente a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmósfera.

13 de maio de 2014 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.