publicidade hoxe

Frades convoca a súa primeira Carreira Pedestre para o domingo 18 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades convoca a súa primeira Carreira Pedestre Popular, que terá lugar durante a mañá do domingo 18 de maio e que repartirá 1.100 euros en premios. Unha proba de 7,7 kms organizada polo Concello de Frades e pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración coa Deputación da Coruña, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “levabamos xa un tempo pensando en organizar este tipo de probas para que os nosos veciños e veciñas disfruten facendo deporte e tamén para dar a coñecer Frades por toda Galicia, xa que este tipo de eventos atraen a xente de distintos municipios e pensamos que pode servir para que coñezan a riqueza paisaxística e patrimonial de Frades”.

A día de hoxe xa hai 56 atletas anotados nas distintas categorías e o prazo de inscrición estará aberto ata as 22:00 horas do xoves 15 de maio. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís) e realizaranse on-line a través do formulario dispoñibles na Federación Galega de Atletismo (www.atletismogalego.org e www.fgatletismo.es/santiago). Os demais atletas (júniors, promesas, sénior e veteranos) deberán anotarse a través da web www.emesports.es. A inscrición terá un custe de 4 euros. Non se admitirán anotacións fóra do prazo establecido.

Premios

O Concello de Frades destina 1.100 euros en metálico para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta: 300 euros para o primeiro clasificado/a, 200 para o segundo/a, 100 para o terceiro/a, 75 para o cuarto/a e 50 para o quinto/a. Así mesmo, premiarase aos tres equipos que mellor clasifiquen a catro dos seus atletas, establecéndose uns premios de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. Os clubs que desexen optar a estes premios deberán formalizar a inscrición individual de cada atleta na web www.emesports.es e remitir un correo electrónico cos datos do club e co listado de atletas participantes (selado pola Federación Galega de Atletismo ou calquera das súas delegacións) a lino.espineira@frades.dicoruna.es. Para poder optar aos premios é preciso que o club participantes conte con cando menos 8 corredores que logren concluír a proba.

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao participante máis novo, ao máis veterano, ao clube-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades (polo que é importante encher a casilla correspondente no momento da inscrición).

Probas

A I Carreira Pedestre Popular Concello de Frades tomará a saída ás 12:00 horas para percorrer unha distancia de 7,7 kms en ruta, que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, emprazada na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

As probas escolares darán comezo ás 10:30 horas coa categoría Pitufo (nados en 2010 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:40 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2007 e 2009), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2005-2006) e alevíns (2003-2004) sairán ás 10:50 e ás 11:00 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Por último, ás 11:15 horas tomarán a saída dos infantís (2011-2022) e cadetes femininos (1999-2000), cun percorrido de 2 kms; mentres que ás 11:35 horas sairán os cadetes masculinos (1999-2000) e os xuvenís (1997-1998) para realizar un circuíto de 2,7 kms.

O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a xuvenil), así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.

7 de maio de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.