Finalizan en Ferrol as conferencias sobre adaptación das vivendas galegas ao cambio climático
No marco do proxecto europeo Adaptaclima II, que ten como obxectivo principal a capitalización dos estudos, análises, conclusións acadadas para adaptación das vivendas ao cambio climático e recomendacións de mitigación do mesmo na edificación, o Instituto Galego da Vivenda e Solo organiza na cidade de Ferrol a séptima e última conferencia dunha serie dirixida a técnicos e profesionais do sector, así como outras dirixidas a promotores e usuarios de vivendas.
A conferencia destinada a técnicos e profesionais do sector terá lugar o vindeiro martes 3 de xuño, ás 20:00 horas, no Salón de actos do Edifico Administrativo da Xunta na cidade.
Neste encontro abordaranse cuestións como:
• Introdución: Cambio Climático
• As vivendas en Galicia: Potencialidades e vulnerabilidades
• Xeografía física, núcleos rurais e vivendas: Análises de dous casos singularizados polas súas características urbanas e climatolóxicas.
• Confort sustentable
• Cálculos e simulacións
• Recomendacións de adaptación e técnicas de mitigación.
Os técnicos que impartirán as conferencias (Joaquín Fernández Madrid, Santiago Pintos Pena e Alberto Redondo Porto) son os que realizaron o estudo respecto ás consecuencias do cambio climático sobre as vivendas galegas, tendo en conta as evidencias de dito cambio, a xeografía física do lugar e a tipoloxía edificatoria, analizando as potencialidades e vulnerabilidades do cambio e recollendo unha serie de recomendacións para a súa adaptación co fin de acadar un confort térmico sustentable e unha redución do consumo enerxético nas vivendas.
Todas aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse a través dun formulario on line no seguinte enderezo electrónico: http://igvs.xunta.es/web/igvs/cursos ou enviando un correo co nome, apelidos e lugar ao que desexa asistir á conta de correo: calidade.edificacion@xunta.es.
Esta mesma actividade divulgativa tamén se impartiu durante os meses de abril e maio nas restantes cidades galegas e, posteriormente, no mes de setembro realizaranse as conferencias dirixidas a promotores e usuarios nas mesmas localidades e coa mesma duración.
Proxecto europeo
O proxecto Adaptaclima no que participa o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xunto con organismos de España, Francia e Portugal insírese no Programa de Cooperación Territorial Espacio Sudeste Europeo (Interreg SUDOE) sendo financiado nun 75 por cento pola Unión Europea. O orzamento total do programa é de 1.293.993,33 euros, dos que a UE achegará 970.495 euros.
Como obxectivo principal o programa pretende promover e desenvolver medidas de adaptación da sociedade aos futuros escenarios derivados do cambio climático e contribuír a concienciar á poboación sobre as consecuencias reais do cambio climático e amortecer o impacto negativo do mesmo nos aspectos económicos e sociais.
As principais actividades deste proxecto de cooperación son o cálculo dos escenarios climatolóxicos nas áreas de intervención; definir os cambios e estudar os impactos previstos; e definir un plan de adaptación aos escenarios previstos. Neste contexto, os principais resultados que se espera obter nos próximos dous anos, son, entre outros:
• Un sistema de predicións climáticas de alta resolución das áreas de intervención seleccionadas.
• Modelos climáticos de escala rexional.
• Estudios exhaustivos sobre os posibles cambios producidos polo cambio climático, nas infraestruturas e nas edificacións; así coma o seu impacto na socioeconomía dos territorios.
• Directrices locais dirixidas a orientar a adaptación ás consecuencias do cambio climático.
• Unha estratexia conxunta de xestión ambiental, ampliable a outros territorios do espazo SUDOE.
No programa participan a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Mancomunidad de Municipios Sostenibles de Cantabria, NEIKER (Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario), ADESVAL (Agencia de Desarrollo del Valle de Alagón) e a Junta de Andalucía, o CETE (Centre d’études Techniques Sud Ouest), a Chambre d’Agriculture de la Dordogne e AMAVE (Associação de Municipios do Vale do Ave).