Finalizadas as actuacións de restauración da Fonte do Cañizo
As obras de restauración da Fonte do Cañizo en Nerga están xa rematadas e a fonte xa está operativa dende esta semana.
Dende o Concello de Cangas realizáronse varias actuacións de mellora que tiveron como finalidade restaurar e poñer en valor esta emblemática fonte, situada na intersección dos vieiros de acceso e saída da praia de Nerga.
O proxecto consistiu na substitución da cuberta da fonte, anteriormente de ladrillo, con pedra do país, a dotación de novas conexións de auga e a limpeza do seu entorno. Ademais, desprazouse uns centímetros o seu emprazamento para afastala da estrada coa finalidade de mellorar a seguridade vial.
Con estas medidas tamén se deu solución aos continuos problemas de abastecemento de auga da fonte da mina como consecuencia da obstrución do sumidoiro pola acumulación de herbas.
Na realización de todas estas actuacións tivéronse presentes as indicacións e suxerencias achegadas polo colectivo veciñal.











