Fin de semana de motor en Nigrán
O Salón de Actos municipal acollerá mañá a terceira edición dos Premios Nigrán, que este ano se entregarán a seis entidades do municipio pola súa achega nos ámbitos social, cultural, educativo, deportivo, empresarial e innovación.
Os premiados da terceira edición
A Asociación Española Contra o Cancro-Val Miñor, na categoría social, polo seu inestimable labor na loita contra unha das grandes secuelas da sociedade moderna na comarca desde o ano 1998; o Centro Cultural e Recreativo ?Ou Torreiro? de Priegue na categoría cultural, que este ano celebra o seu corenta aniversario; e o CPI de Panxón como premio ao mérito educativo, por ser un dos centros escolares máis antigos do municipio, formando e educando desde o ano 1976.
Na categoría deportiva, entregarase ao tres clubs de birlo celta de Nigrán, o Club Birlos de Ceán, o da Carrasca e o de Camos, tres entidades deportivas que desde hai anos pon en valor unha actividade deportiva tradicional, e que, grazas aos éxitos deportivos cultivados, converteron a Nigrán na capital nacional do birlo celta.
Como premio ao mérito empresarial o equipo de goberno propón á Panadaría La Pintora, que este ano celebra o seu 131 aniversario, pola lonxeva traxectoria dun negocio que segue vivo máis dun século despois da súa fundación, baixo a batuta da cuarta xeración familiar. O premio á innovación é para a empresa dedicada ás Enerxías Renovables Polyper Genève, unha das mellores do sector a nivel galego, que a través da súa actividade fomenta valores de respecto e concienciación ambiental.
Homenaxe
O Concello de Nigrán renderá tamén unha pequena homenaxe a tres personas, pola súa axuda desinteresada na promoción e difusión da cultura e o patrimonio tradicional galego, Secundino Pérez Sanromán, Estrella Iglesias Costas e Olivia Pérez Costas, tres veciños da parroquia de Chandebrito.
Fin de semana do motor
O mundo do motor será un fin de semana máis o protagonista da axenda de lecer municipal, coa celebración de dous grandes eventos para os afeccionados ás motos e aos coches clásicos. A asociación “A 20 uñas” celebra o sábado a IV Xuntanza Moteira Concello de Nigrán, organizada tamén coa colaboración da Asociación Cultural das Angustias.
A xornada, aberta a todos aquel que queira participar, comezará ás 10.30 horas no Torreiro de Festa das Angustias, e prolongarase ao longo de todo o día. Realizaranse dúas rutas, unha de mañá e outra de tarde, e ofrecerase ao público asistente unha exhibición de minimotos coa firma da Escola Jorge Lorenzo, de Pontevedra, así como churrasco para xantar e un concerto pola noite.
O domingo é a quenda dos coches clásicos da man da VIII Concentración de Coches Clásicos do Val Miñor, cuxa comitiva formada por un centenar de vehículos pasará por Nigrán contorna ás 13.00 horas. Os coches partirán de Gondomar, para percorrer distintos puntos da comarca, entre os que destacan Vilaza, Camos, Panxón, Praia América, A Ramallosa, Sabarís, Baiona e Oia, finalizando o percorrido no municipio de Oia, onde gozarán dunha comida no restaurante O Peñasco. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición -cun custo de 25 euros por persoa- no teléfono 678 830 475.
Artes marciais
A II Exhibición de Artes Marciais completa a axenda de lecer prevista para este fin de semana en Nigrán, que terá lugar a partir das 17.00 horas no Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca, que contará na segunda edición coa participación dos equipos de taekwondo, boxeo e nijon taijitsu do Rebouras Team, o Muaythai Galicia, o Club de Loita de Sabarís, e a Escola Deportiva SEY nas modalidades de kick boxing escorpy e taekwondo.











