publicidade hoxe

Ferrol Vello, A Magdalena e Canido serán os primeros barrios en conectarse á rede de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións da EDAR

Rey Varela na visita ás instalacións da EDAR

A entrada en funcionamento do sistema de saneamento e depuración suporá reducir en máis dun 96% os vertidos residuais que na actualidade chegan á ría ferrolá. Así o sinalaron os responsables da Empresa Mixta de Augas de Ferrol S.A (Emafesa), que levará a cabo a xestión municipal das instalacións de saneamento que comezarán a funcionar o vindeiro mes de agosto coa conexión á rede dos primeiros domicilios e locais da cidade, que serán os situados nos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e gran parte de Canido. Unha delegación do Goberno Municipal, encabezada polo alcalde Jose Manuel Rey Varela; e técnicos de Emafesa visitaron hoxe os dous principais equipamentos do saneamento: a planta de bombeo da Malata (EBAR) e a estación depuradora de Cabo Prioriño (EDAR).

Jose Manuel Rey destacou tras visitar os equipamentos da EBAR e a EDAR que “en breve o gran esforzo inversor feito por varias administracións para completar o sistema de saneamento terá os seus froitos coa entrada en servizo destas magníficas instalacións e co inicio do saneamento que suporá empezar a rexenerar a nosa ría e principiar un proceso sen retorno polo que a cidade levaba agardando máis de 20 anos”. Ao respecto, o rexedor municipal engadiu que o obxectivo de empezar xa a sanear a ría “é un camiño que non ten volta atrás, posto que os equipamentos que acabamos de visitar están absolutamente preparados para iniciar a súa actividade en agosto”, asegurou.

Ademais, o primeiro edil ferrolán aproveitou a visita para despexar cos técnicos calquera dúbida sobre o estado das instalacións: “Temos a garantía de que os equipamentos construídos están aptos para empezar a funcionar”, lembrando que Augas de Galicia ocupouse de realizar as pertinentes probas e posta a punto. “O máis importante nestas instalacións é que comecen co se funcionamento habitual”, engadiu. Neste sentido, Jose Manuel Rey insistiu en que o Concello de Ferrol, a través de Emafesa, asumirá a xestión do sistema de saneamento, polo que se xurdira algunha incidencia ao marxe da xestión a asumiría Augas de Galicia con independencia de que despois o devandito ente autonómico repercuta a responsabilidade nas empresas que se encargaron das obras.

Negociación con Narón

Por outra banda, o alcalde de Ferrol saíu ao paso das declaracións feitas polo seu homólogo de Narón. “Dende o respecto institucional, o rexedor naronés falta á verdade. Pasamos meses negociando con Narón as cotas da xestión da depuración, en encontros en que tamén participaron responsables da Consellería de Medio Ambiente, de Augas de Galicia de Emafesa e de Cosma –empresa que se ocupa do abastecemento no municipio naronés-: e o rexedor naronés dixo que o seu municipio se incorporaría en 2015 para non ter que trasladar o custe do saneamento aos seus veciños”, explicou.

“Despois de tanto anos sen saneamento, Ferrol non pode agardar máis tempo nin asumir novas demoras”, insistiu José Manuel Rey. “Os ferroláns non pagarán nin un céntimo máis polo saneamento da ría como ocorre coa auga polo acordo que se asinou no seu momento”, concluíu.

29 de maio de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.