Ferrol organiza un seminario para fomentar a cultura emprendedora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza o seminario titulado “Achégate a emprender”, que se desenvolverá o vindeiro día 19 de maio nas instalacións do Centro Municipal de Emprego, situado na Rúa Sagrado Familia número 56, no barrio de San Pablo-Catabois. O obxectivo deste encontro é favorecer a cultura emprendedora, e na súa organización colaboran a Deputación Provincial da Coruña e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (AJE). As prazas son limitadas.

“Este seminario está dirixido á promoción da cultura emprendedora entre a poboación en xeral, pero especialmente entre aquelas persoas en situación de desemprego”, explicou a edil Aneiros Barros. Neste sentido, esta iniciativa da Administración municipal configúrase como unha formación inicial para aquelas persoas que poidan estar interesadas na creación do seu propio posto de traballo, e terá continuidade noutras accións formativas máis avanzadas.

O seminario comezará ás 10.30 horas e terá unha duración de dúas horas e media. Na primeira parte traballarase sobre cuestións a ter en conta á hora de iniciar unha actividade por conta propia, e nunha segunda parte as persoas asistentes terán a posibilidade de coñecer casos reais coa participación de empresarios asociados a AJE Ferrolterra.

25 prazas

A participación nesta xornada titulada “Achégate a emprender” é gratuíta: pero o número de prazas está limitado a 25 para que se poida desenvolver dun xeito máis participativo e dinámico. Máis información e inscricións en: emprego@ferrol.es ou chamando ao número de teléfono 981 944 194.

13 de maio de 2014 | 11:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.