Ferrol converterase no centro do tenis de mesa de Galicia
Ferrol converterase os vindeiros tres fins de semana no centro de atención do Tenis de Mesa de Galicia coa celebración de varios torneos e campionatos. A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdos, deu conta hoxe destes eventos deportivos que se disputarán o 24 e 25 de maio, 31 de maio e 1 de xuño; e o 7 e o 8 de xuño.
Así, os vindeiros 24 e 25 de maio organizado polo Club San Xoán de Tenis de Mesa e a Federación Galega desta modalidade terá lugar no polideportivo municipal do CEIP de San Xoán de Filgueira o III Torneo Internacional Cidade de Ferrol. Unha competición que se desenvolverá en todas as categorías, dende benxamín até veteranos de máis de 60 anos. Ademais, o día 25 se disputarán os III Campionatos Galegos de Persoas con Discapacidade Intelectual, e de maneira simultánea a estes, os Campionatos Galegos de Persoas con Discapacidade Física. En todos estes eventos participarán un total de 300 deportistas.
Os días 31 de maio e 1 de xuño o mesmo pavillón municipal do CEIP San Xoán – Filgueira acollerá o XXVII Campionato Galego de xuvenís e o XVI Campionato Galego de benxamíns en Tenis de Mesa, tanto nas modalidades de individuais e dobres masculinas e femininas. Ä cita asistirán ao redor dun centenar de noveis deportistas.
E. por último, o 7 e o 8 de xuño, nesta ocasión no Polideportivo Municipal de Esteiro, terá lugar o XVI Torneo Ibérico de Seleccións en categoría alevín no que participarán as seleccións de Castela e León, Andalucía Castela A Mancha e Galicia. Por parte de Portugal, acudirán ao evento as seleccións de Aveiro, Madeira, Porto e Vila Real.











