Ferrol comeza un novo programa de charlas informativas sobre hábitos de vida saudables
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, inicia esta semana un novo programa de charlas informativas na rede de Comedores Sénior do municipio dirixido a fomentar entre os usuarios dos mesmos o autocoidado e modelos de vida saudables. Estes coloquios correrán a cargo dun enfermeiro interno residente da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol que está a completar a súa formación no departamento de servizos sociais da Administración local. A primeira das charlas terá lugar hoxe mesmo no Comedor Sénior de Caranza; continuando maá nas instalacións situadas na rúa Río Xubia (Ensanche A); en Esteiro o mércores 28; e o xoves 29 no Comedor Sénior do Centro Cívico e Social de San Pablo – Catabois.
A Concellería de Benestar Social ten asinado un convenio co Servizo Galego de Saúde para colaborar na formación dos enfermeiros residentes da Área Sanitaria de Ferrol. Ao abeiro deste acordo lévase a cabo unha rotación dun mes de duración xunto cos traballadores e educadores sociais nas distintas áreas de atención do Concello de Ferrol: dependencia, risco de exclusión social, atención á infancia e aos maiores … Froito desta colaboración son estas charlas informativas que na xornada de hoxe se inician nos catro Comedores Sénior da cidade.
A edil Martínez Beceiro destacou que estas charlas están dirixidas aos usuarios e se centran na importancia dos hábitos de vida saudables, destacando coidados especiais de alimentación e hixiene neste colectivo que constitúen a mellor forma de prevención de enfermidades e que proporcionan un incremento da calidade de vida. “Os modelos de vida saudables son de especial importancia para manter a calidade de vida até idades avanzadas, e para prolongar as expectativas vitais”, apuntou a titular de Benestar Social.











