publicidade hoxe

Ferrol avoga por unha xestión municipal do sistema de depuración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol avanzou hoxe nos trámites administrativos que restan para a posta en marcha do sistema de depuración integral de augas residuais que na actualidade continúan a verterse directamente na ría, co conseguinte efecto negativo que isto supón tanto para a entorno natural como para a actividade marisqueira. Así, en sendas comisións informativas de carácter extraordinario de Urbanismo e Medio Ambiente de Economía e Facenda abordouse o modelo de xestión do saneamento, na primeira; e a taxa pola entrada en funcionamento do mesmo, na segunda. A intención é que os dous temas sexan sometidos a votación da corporación municipal na sesión plenaria de fin de mes que terá lugar o vindeiro xoves.

No que atinxe ao modelo de xestión, o Goberno Municipal avoga por que a explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e deputación sexa municipal. Con esta finalidade, na comisión de Medio Ambiente e Urbanismo desta mañá levouse a debate a proposta de aprobación da encomenda de xestión do sistema ao Concello de Ferrol; e a aprobación dun protocolo de execución entre o propio Concello e a Empresa Mixta de Augas –Emafesa- para que sexa esta a que se ocupe do correcto funcionamento do sistema. O ditame sobre estas dúas cuestións se producirá na comisión ordinaria da área que se celebrará pasado mañá, mércores 28.

En canto a tarifa de saneamento que o Concello de Ferrol aplicará no momento en que este sexa efectivo, a proposta volverá debaterse mañá en comisión informativa. Ademais, a premisa do Goberno Municipal é estender o saneamento á zona rural, o que suporá un investimento total de 6 millóns de euros. O executivo local xa presentou ás diferentes entidades veciñais un anteproxecto de saneamento para as parroquias, e o obxectivo é deixalo adxudicado e con financiamento antes de que remate o presente mandato.

A entrada en servizo do saneamento e, con ela, o inicio da rexeneración da ría de Ferrol é unha prioridade fixada polo Goberno Municipal neste mandato, e que terá a súa consecuencia máis inmediata no aumento da calidade, produción e actividade marisqueira, así como na mellora ambiental do entorno natural. Dous feitos que ademais abrirán á porta a xeración de novos postos de traballo vinculados á ría. A colaboración entre Concello de Ferrol, Xunta de Galicia e Goberno de España fixo posible que na actualidade estean executándose os investimentos necesarios para completar o sistema de saneamento e depuración que supuxo un investimento global de preto de 250 millóns de euros e que proximamente estará por fin operativo con máis de dúas décadas de retraso dende que se anunciaron os primeiros traballos.

Xestión municipal

Dende o Concello de Ferrol se sinala que a xestión do saneamento por parte de Emafesa suporá un aforro considerable en comparación con outros modelos de xestión, como o privado ou a xestión directa por parte de Augas de Galicia e posterior abono da Administración municipal dos custes. Este aforro procede principalmente dos gastos de persoal e de medios materiais, dos que xa dispón Emafesa. O obxectivo que se persegue apostando por unha xestión municipal do saneamento é poñer en servizo ao menor custe.

Así mesmo, cómpre sinalar que o concerto de explotación da depuradora coa empresa mixta está recollida na condición primeira do prego de condicións do concurso público convocado hai quince anos polo Concello de Ferrol para a selección dunha empresa privada –minoritaria- para a xestión conxunta do servizo público de abastecemento e depuración.

26 de maio de 2014 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.