publicidade hoxe

Feira de artesanía, verbena galega e actividades infantís nas Letras Galegas de Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo conmemorará a festividade das Letras Galegas cun amplo programa de actos, dirixido para veciños de todas as idades. A xornada principal será o propio sábado 17, cun conxunto de actos no Burgo que xuntarán previsiblemente por centos de veciños do municipio e arredores.

A praza de Europa será o escenario da Feira de Artesanía, que desde as 12.00 até as 20.00 horas reunirá a unha trintena de artesáns procedentes de diferentes localidades. Nos distintos postos ofrecerán as súas creacións de diversas artes e modalidades.

A feira estará acompañada dun programa de actuacións para dinamizar a xornada. Ás 13.00 horas terá lugar uns pasacalles pola mesma praza de Europa, a cargo da “Magnifique Banda dúas homes sen medo”. Ás 18.00 horas, os pequenos poderán gozar do espectáculo de monicreques “Cantos contos contas”.

Pola noite do sábado, ao concluír a feira, desenvolverase o segundo gran acto: a verbena galega. Será na praza de Galicia do Burgo, desde as 20.00 horas. Actuarán neste festival folk Malvela e Caxade.

Pero a Concellaría de Cultura non limitou o programa de actos ao sábado: ao longo desta semana xa se están desenvolvendo diferentes actividades infantís con motivo das Letras Galegas.

Mañá xoves continuará co obradoiro “Galegueando”, pensado para nenos de máis de 8 anos. Será ás 18.30 horas na Biblioteca González Garcés do Burgo. E o venres, á mesma hora e tamén na biblioteca, desenvolverase unha sesión de contos en inglés, dirixida a público de 5 anos en diante. A obra representada será “The three little pigs”.

A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, destaca o programa dedicado o sábado “plenamente á cultura galega” como a “mellor forma” de celebrar esta festividade.

14 de maio de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.