Fecimo amosa o seu rexeitamento á unificación dos partidos xudiciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Fecimo rexeita o anteproxecto de lei de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial polo que se produciría a supresión dos partidos xudiciais do Morrazo. A federación de comerciantes e industriais do Morrazo rexeita de plano esta posibilidade ao considerala enormemente prexudicial para os intereses das empresas do Morrazo e dos veciños das poboacións que conforman este territorio.

Fecimo considera que os actuais partidos xudiciais do Morrazo xa son deficitarios para os intereses e as necesidades da Comarca do Morrazo ao obrigar ao desprazamento a Vigo ou Pontevedra dependendo de se os asuntos a resolver teñen que ver co ámbito da xurisdición laboral ou a do mercantil e penal. Este servizo xudicial ás empresas e veciños da Comarca ten que ser potenciado co reforzo das infraestruturas existentes, e a implantación dos recursos tecnolóxicos necesarios co fin de facilitar aos usuarios do Morrazo o acceso a unha xustiza rápida e eficaz.

As medidas propostas, dende o punto de vista da Federación, só conseguirán, por un lado afastar os órganos de xustiza da realidade da xente da Comarca do Morrazo, e por outro retrasar e encarecer o acceso á xustiza máis do que se está a padecer actualmente.

A Comarca do Morrazo non debería carecer de xulgados, xa que o volume de poboación que se asenta nesta zona ten a suficiente relevancia como para explicar por si soa esta necesidade. Esta poboación aumenta ano tras ano, e isto require aumentar as competencias que a esta zona se lle atribúen, ir no sentido contrario non seguiría lóxica algunha. Ademais, O Morrazo como comarca, debe reducir a súa dependencia das zonas urbanas de Vigo e Pontevedra, convertendose “per se” nunha gran zona urbana que articule o baleiro existente hoxe en día entre ditas cidades e potenciando o eixo Vigo-Morrazo-Pontevedra como unha das áreas máis dinámicas, social e empresarialmente, de Galicia.

6 de maio de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.