Exposicións, concertos e conferencias conmemoran o tricentenario do templo parroquial de San Bartolomeu
A Deputación de Pontevedra súmase á conmemoración do tricentenario da consagración do templo parroquial de San Bartolomeu con diversos actos que se desenvolverán durante o mes de xuño e que complementa os actos que organiza a parroquia.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá nos salóns da parroquia e na que participou a deputada provincial Begoña Estévez, anunciouse a inauguración o vindeiro 6 de xuño da exposición De templo xesuíta a parroquial de San Bartolomeu. Tricentenario da súa consagración, que estará aberta ao público no Edificio Sarmiento ata o 22 de xuño.
A mostra fai un percorrido pola historia da fundación da parroquia, desde as súas orixes coa construción do colexio, a igrexa e os anexos dos xesuítas ata a expulsión desta orde e a creación da parroquia de San Bartolomeu e estrutúrase en 7 apartados.
Nun primeiro abórdase a fundación do Colexio da Compañía, no que se incluirán documentos históricos, planos, debuxos, fotografías das escavacións e materiais atopados nelas como moedas, fragmentos cerámicos do s. XVII-XVIII, crucifixos ….
Unha segunda parte da mostra achegará ao visitante á historia da construción do colexio e a igrexa con todas as súas vicisitudes; en un terceiro bloque exporanse diferentes elementos artísticos, como retablos e esculturas, fotografías históricas da evolución e dos cambios nos retablos das igrexa e imaxes que forman parte do tesouro da igrexa e que habitualmente non están en exposición pública.
Complétase a mostra cun apartado de orfebrería relixiosa e xoiería na que se incluirán ornamentos e xoias cedidos pola parroquia para a mostra; outro dedicado á expulsión dos Xesuítas, con diversos documentos e libros do Padre Isla, Padre Amoedo Carballo; e un sexto apartado que, baixo o título 1844. De Igrexa da Compañía a Parroquia de San Bartolomeu, abordará esta transformación a través de documentos históricos, cadros, vistas do edificio, fotografías históricas…
Pechará a mostra un percorrido polos diversos usos que tivo o edificio desde a expulsión dos xesuítas ata a actualidade (fábrica de tecidos, Instituto Provincial, Hospicio, Museo, Escola de Enfermería, etc…).
Concertos de música sacra
A mostra complementarase cun concerto de música sacra e cun ciclo de conferencias sobre a repercusión social da parroquia na cidade.
A actuación musical correrá a cargo da A.S.C Coro Liceo de Vilagarcía, dirixido por Margarita Guerra e con Alejo Amoedo ao órgano e terá lugar o 6 de xuño ás 21:00 h. na igrexa parroquial de San Bartolomeu.
En canto ao ciclo de conferencias, terán lugar no Sexto Edificio do Museo ás 20:00 h e está integrado por 4 relatorios.
O primeiro deles será o 5 de xuño a cargo de Jesús Niño Sánchez-Guisande, párroco de San Martiño de Salcedo, que disertará sobre Unha parroquia urbana na Galicia da Idade Media e Moderna: San Bartolomeu O Vello de Pontevedra.
O 12 de xuño será o momento de analizar a Historia, espazo urbano, arquitectura e evolución da igrexa e colexio dos xesuítas de Pontevedra, do que se encargará o director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle Pérez, e a conservadora Mª Ángeles Tilve Jar.
O 19 de xuño Juan Manuel Monterroso Montero, profesor titular de Historia da Arte e decano da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, disertará sobre Os retablos e a escultura da igrexa de San Bartolomeu, para rematar o ciclo de conferencias o día 26 de xuño, cun relatorio sobre Os xesuítas e as súas Escolas de Gramática, a cargo de José Manuel Domínguez García, profesor e investigador da Historia da Educación en Galicia.











