“Eurorrexión activa” leva ao Rosal unha clase de fitness
Este venres día 30 de maio, no Parque do Tamuxe no Rosal, terá lugar unha nova actividade do proxecto “Eurorrexión activa: vida saudable nos concellos da raia”, un programa que busca mellorar a calidade de vida das persoas e fomentar a práctica deportiva.
Están convidados a participar todos os veciños que queiran experimentar as boas sensacións de facer deporte e que lles interese aprender a sacarlle rendemento ao parque saudable. Na clase faranse exercicios cos aparellos do parque e ensinarase como usalos de maneira correcta co fin de sacarlles partido a diario.
O programa “Eurorrexión Activa: vida saudable nos concellos da raia” conta cunha ampla axenda de actividades para realizar desde este mes de maio e ata agosto, totalmente gratuítas, en concellos de ambos lados da fronteira. Así, haberá andainas, diversas master class, fitness nos parques saudables, paseos de BTT e diferentes conferencias en torno ao deporte e os beneficios do exercicio físico sobre a saúde. Trátase dun proxecto da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a Unión Europea en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, que busca, a través da cooperación intermunicipal, promover hábitos de vida activa desde a infancia ata a vellez, traballando conxuntamente por un envellecemento máis activo e saudable.
Con esta serie de accións preténdese que a poboación galega e portuguesa incorpore a actividade física ao seu día a día. A dose mínima de exercicio para un bo estado de saúde segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) é de 60 minutos ao día para os menores de idade e de 30 minutos ao día para os maiores de idade.











