Estudantes de Monforte abordarán a problemática do cambio climático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A vindeira semana rematarán as actividades do segundo proxecto de educación medio ambiental, desenvolvido pola concellería de Medio Ambiente en colaboración cos colexios e IES, no que se realizaron diferentes actividades durante o presente curso escolar.

A derradeira actividade céntrase no cambio climático e está dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO dos centros educativos da cidade que decidiron sumarse á mesma, en total 250 alumnos/as.

Os días 20 e 21 de maio, entre as 9:00 e as 13:30, tres monitores explicarán ó alumnado que é o cambio climático, cales son as súas causas e cales as súas consecuencias. Posteriormente, os mozos e mozas participarán nunha experiencia de cambio de rol, pasando a situarse no lugar dos consumidores, do Concello, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente. Desde o seu novo papel, cada alumno/a defenderá diferentes posturas fronte ó cambio climático e, xuntos, procurarán chegar a unha resolución do problema.

Os obradoiros enmarcados no proxecto de educación medio ambiental, que o Concello puxo en marcha por segundo ano consecutivo durante o curso 2013-2014, dirixíronse tanto a alumnado de primaria como de secundaria. Os obradoiros, que se levaron a cabo dende o pasado mes de novembro e sempre baixo a dirección de monitores especializados, foron os seguintes: “Os tres RRR” (270 participantes), “Punto Limpo” (300 participantes), “Día da Árbore” (370 participantes), e “Cambio climático” (250 participantes).

En total foron 1.190 alumnos/as de primaria e secundaria os que participaron nos diferentes obradoiros do segundo proxecto de educación medio ambiental posto en marcha polo Concello.

Os obxectivos destas actividades foron básicamente tres:

– Sensibilizar e concienciar ós/ás escolares cara ó medio ambiente

– Desenvolver hábitos de reciclado, redución e reutilización.

– Promover valores de respecto, coidado e protección do medio

14 de maio de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.