publicidade hoxe

Estudantes de Boiro reflexionan sobre a violencia e a pobreza ana mostra ‘A Paz Cuestión de Fondo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+

Alumnas e alumnos do IES Praia Barraña tiveron ocasión de traballar ao longo das pasadas semanas sobre ideas como a pobreza, o racismo ou a violencia a través da exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’, organizada polo Concello de Boiro en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra permaneceu no instituto dende o 1 ata o 15 de maio.

Os paneis de ‘A Paz Cuestión de Fondo’, elaborados en clave de viñetas por 28 autores de 16 países diferentes, convidan a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Así mesmo, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entende que o desenvolvemento sostible non é posible nun contexto de pobreza, violencia e racismo. Por iso, con esta exposición, que xa estivo en Porto do Son e despois de Boiro viaxará ao concello de A Laracha, quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

16 de maio de 2014 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.