Estudantes compostelanos coñecerán o funcionamento de Meteogalicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaXuventude
A-
A+

Un total de 225 alumnos de tres colexios de Santiago de Compostela poderán coñecer o funcionamento de Meteogalicia nas próximas dúas semanas. O centros de ensino CEIP Fontiñas, o colexio Nosa Señora dos Remedios e o colexios San Xosé de Cluny visitarán as instalacións deste centro dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Xunta de Galicia organiza este tipo de visitas a MeteoGalicia, co fin de dar a coñecer aos cidadáns o funcionamento deste organismo. Estas actividades divulgativas, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén consisten en conferencias e excursións a outros puntos onde hai instalacións que ofrecen datos sobre a actividade climatolóxica e que se procesan en Meteogalicia.

A rolda de visitas e no número de participantes é o seguinte:

DÍA
ACTIVIDADE
CENTRO
6
Lanzamento do radio sondeo+ conferencia sobre meteoroloxía + aparatos metereolóxicos

32 alumnos de 5º de Primaria do CEIP Fontiñas
13
Conferencia sobre meteoroloxía + aparatos metereolóxicos
42 alumnos de 4º da ESO do Colexio Nosa Señora dos Remedios
14
50 alumnos de 3º da ESO do Colexio Nosa Señora dos Remedios
15
50 alumnos de 5º de Primaria do Colexio San Xosé de Cluny
16
51 alumnos de 6º de Primaria do Colexio San Xosé de Cluny

O obxectivo principal da visita é achegar a meteoroloxía á poboación, tanto se trate de alumnos pertencentes a centros educativos como asociacións diversas. Para iso, ademais de amosar as instalacións, os técnicos describen as tarefas habituais que realizan cada día para elaborar os prognósticos meteorolóxicos que ofrecen aos cidadáns a través da páxina web de Meteogalicia.

En primeiro lugar, os visitantes coñecen a sala de predición, onde se explican as ferramentas que se usan nas predicións diarias, e se dan coñecer unhas ideas básicas do proceso de predición meteorolóxica, facendo especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Seguidamente, faise unha breve presentación sobre a meteoroloxía e a climatoloxía, en función da idade de cada visitante. Así, no caso dos alumnos de Primaria e Secundaria repásanse os conceptos como a diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frontes, furacáns, tornados, imaxes de satélite, entre outros aspectos.

A cada nivel unha explicación

Os profesionais de Meteogalicia adecúanse ao nivel e intereses dos visitantes, de modo que se profundiza máis ou menos segundo o nivel. No caso de alumnos de Bacharelato insístese na descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento, para os universitarios ou outro tipo de grupos explícase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de MeteoGalicia, na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, si é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos.

Finalmente, hai unha exposición de aparellos meteorolóxicos, na que se poden ver os distintos sensores e a súa utilidade, así como se dan algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas de Meteogalicia.

Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en MeteoGalicia hai que consultar o seguinte enlace:
http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/meteoescolas/infoConferencias_gl.pdf

3 de maio de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.