publicidade hoxe

Entréganse os títulos da concentración parcelaria dos Blancos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOs Blancos
A-
A+

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entregaron hoxe os títulos de concentración parcelaria da zona dos Blancos, no concello ourensán homónimo.

O director xeral destacou a importancia de que as fincas se traballen, non só para un beneficio económico senón tamén pola prevención de risco de incendios. Así mesmo sinalou que grazas ao Banco de Terras de Galicia, os particulares poden poñer en valor as súas terras, garantindo a seguridade da propiedade e -no caso de ser arrendada- o cobro dos prezos de referencia da renda, así como a devolución das fincas en bo uso agrario.

Con este acto ponse fin a reorganización da propiedade en 1.336 hectáreas pertencentes a 1.130 propietarios, permitindo así mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso a novas fincas, axudar a previr os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.

Coa entrega destes títulos culmínase o proceso de concentración parcelaria iniciado no ano 1990 e que posibilitou reducir as 14.392 parcelas existentes inicialmente, e dedicadas principalmente a horta, a tan só 2.642 fincas.

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de 3,4 millóns de euros, dos cales a maioría corresponden á execución das obras da rede de camiños e ao acondicionamento das fincas.

28 de maio de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.