Entréganse os diplomas aos participantes no XV Certame de Redacción da Festa da Troita

Entrega de diplomas aos participantes do CEIP A Reigosa
Os alumnos dos centros escolares Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, e A Reigosa recibiron os diplomas acreditativos da súa participación no “XV Certame de Redacción da Festa da Troita 2014”, que foron entregados polo alcalde Perfecto Rodríguez, en senllos actos celebrados nos respectivos centros educativos.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, iniciou o acto de entrega agradecendo a participación de todos os alumnos neste concurso literario que serve de promoción da imaxe deste concello e, en especial da Festa da Troita de Ponte Caldelas que se celebra o próximo fin de semana do 31 de maio e 1 de xuño.
O primeiro premio do certame, entregado no colexio Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, recaeu en Laura Rivas Salgueiro, de 6º de Primaria, quen recibiu o diploma acreditativo da súa participación no concurso e un vale de 60 euros, canxeable por material escolar en establecementos da vila.
O traballo presentado por Laura Rivas Salgueiro ao concurso titúlase “Un gran soño”, un relato contado en primeira persoa que discorre a través da imaxinación viaxeira dunha nena que tras voar libremente dun lugar a outro recala en Ponte Caldelas, en plena Festa da Troita e queda prendada para sempre da beleza deste municipio “que me namorou e non podo quitar da cabeza”.
AGRADECEMENTO AO CONCELLO POLA SÚA AXUDA Á EXCURSIÓN
No transcurso do acto, os alumnos presentes lembraron ao alcalde o seu pasado como estudante neste mesmo centro e agradecéronlle a colaboración económica do Concello na súa excursión de fin de curso a Madrid. Tamén convidaron ao rexedor caldelense a unirse a esta aventura xa que aínda dispoñen de prazas libres.
Posteriormente, tivo lugar a entrega de diplomas no CEIP da Reigosa onde o alcalde Perfecto Rodríguez foi recibido pola directora e varios profesores do centro educativo. Nun sinxelo acto, o rexedor animou aos nenos a seguir escribindo e participando deste evento vinculado coa Festa da Troita como unha forma de manter viva esta celebración “da que todos se deben sentir partícipes e parte importante da mesma”.
Emma Mouriño Carragal, de 6º de Primaria da Reigosa, recibiu o diploma, e tamén o vale de 60 euros para material escolar, de mans do alcalde Perfecto Rodríguez e procedeu a realizar a lectura pública do seu traballo, titulado “O Conto da Santa Compaña”, un relato que vira ao redor desta figura mitolóxica moi relacionada coas crenzas populares galegas do interior. Cunha redacción moi amena o conto finaliza cunha recomendación aos nenos e nenas para que non saian sós pola noite e, en caso de atoparse con este temido personaxe que debuxen un círculo no chan e se inclúan dentro del para evitar que os atrape.
Os dous contos gañadores atópanse publicados no programa de festas editado polo Concello de Ponte Caldelas en papel reciclado dentro do concepto de sustentabilidade e harmonía coa natureza que preside a celebración da Festa da Troita.











