Encontros culturais, concertos, Miteu e programación familiar nas actividades tras a ponte dos Maios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ourense desexa agradecer a numerosa participación cidadá nas actividades desta pasada ponte dos Maios. Foron un total de catro días, nos que veciñas e veciños, así como visitantes poderon desfrutar coa ampla oferta de lecer – feiras, Mostra de Teatro, concertos, danza, exposicións – que estivo nas rúas da cidade. Esta semana entramos de cheo en maio, un mes tipicamente primaveral, e con máis actividades que veñen a completar a ampla programación co gallo da capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico.

Esta tarde a partir das 16.30 h, celebrarase unha Reunión de Xestores Culturais do Eixo Atlántico. Con esta xuntanza búscase poñer en contacto a profesionais de distintos eidos de cultura para favorecer o intercambio de experiencias e fomentar o debate horizontal, neste caso entre xentes de moi diferentes lugares, o que pode enriquecer ainda máis o debate. Está organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e será en Magma Espacio – na rúa Bedoya -.

O próximo xoves día 8, terá lugar unha nova actuación do Ciclo de Música, Enclave de Cámara. Será no Teatro Principal a partir das 20.30 h, a cargo do cuarteto Moscow Piano Quartet. Esta agrupación portuguesa ofrecerá un repertorio composto por varias series temáticas como as Integrais de Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Brahms e Dvorak, ou a titulada Clásicos do século XX. No ano 2001 recibiu a Medalla do Mérito Cultural do Concello de Cascais, onde son Quarteto Residente do Museo da Música Portuguesa nesa mesma cidade.

O venres un novo concerto da Banda Municipal, terá lugar na Praza de San Martiño a partir das 20 h.

Xa para a fin de semana, o sábado e o domingo organízase outra das actividades de relevancia dentro da capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico, o I Maratón de Fotografía Cidade de Ourense 2014. Trátase de fotografía urbana, un xénero que tenta captar situacións cotiás en lugares públicos, como rúas e parques. Fotógrafos tentando capturar o modo no que a súa xente, en tanto que actores, interactúa con el. A día de hoxe o éxito de participación está asegurado xa que hai máis de 100 persoas inscritos.

Outra das actividades de importancia cultural nesta semana é o musical Campanilla que acollerá o Auditorio Municipal o sábado ás 17.30 h. Musical familiar de teatro que combina catro cantantes de primeira fila en directo, con música orixinal, acrobacias e voos con telas. Unha aventura marabillosa e irrepetible que nos fará comprender que hai momentos que non teñen prezo cando se viven e quedan na memoria familiar. As entradas pódense adquirir desde 12 €.

E xa para rematar, o domingo ás 12 h volve fielmente ao Auditorio a cita coa programación infantil, co espectáculo Bailando con contos. Trátase de teatro e contos dinámico e divertido.

E ata o venres, día 9, continúa a 19ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, con 9 espectáculos máis, que se desenvolverán no Auditorio, Teatro Principal, campus universitario, Cine Club Padre Feijóo e Café Auriense. Máis información en www.miteu.es

6 de maio de 2014 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.