Encontro galego-portugués para fomentar o cooperativismo e a economía social en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaTui
A-
A+
Inauguración do encontro galego-portugués en Tui

Inauguración do encontro galego-portugués en Tui

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inauguraron esta mañá en Tui o encontro galego-portugués ‘A colaboración en rede na promoción do cooperativismo e a economía social: a Rede Eusumo’.

No encontro, organizado conxuntamente por estas dúas dirección xerais no antigo convento de San Domingos, participaron case un centenar de persoas, galegas e portuguesas, que representan a máis de sesenta cooperativas da Eurorrexión.

Na súa presentación, o director xeral de Relacións Exteriores louvou o traballo que se está a realizar a prol do fomento do emprego cooperativo e destacou a importancia do cooperativismo no momento actual, como unha ferramenta moi axeitada, xa que os traballadores e socios asumen todo o protagonismo na toma de decisións e na marcha das actividades que desenvolven.

Gamallo, que tamén é coordinador da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, aproveitou a oportunidade para recordar a importancia das actuacións desenvoltas a prol do fomento do emprego na Eurorrexión. Ademais, subliñou que un dos eixes principais do Plan de Investimentos Conxuntos que a Comunidade de Traballo vén de aprobar para a Eurorrexión é precisamente o de apostar por unha estratexia de emprendemento social, nacida desde os grupos de acción de desenvolvemento local participativo, que favorezan proxectos viables e sostibles como os que está a impulsar a rede “Eusumo”.

A Rede Eusumo é unha rede impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social na que participan entidades do sector e outras organizacións como universidades, concellos, fundacións ou cámaras de comercio. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio galego.

Actualmente, segundo explicou Martiñá, a rede conta con 61 centros adheridos (centros de desenvolvemento, asociacións de cooperativas, oficinas de fomento cooperativo, e concellos) distribuídos por toda a comunidade autónoma. Todos estes puntos realizan traballos de dinamización, asesoramento e formación, tanto para aquelas persoas que decidan crear unha cooperativa, como naqueles casos nos que a cooperativa ou a sociedade laboral xa existe.

O director xeral de Traballo e Economía Social destacou a relevancia deste tipo de iniciativas para promover o cooperativismo, dado que é unha fórmula empresarial que ten mostrado unha “especial resistencia” á crise económica.

‘Job Days’ da Eurorrexión

Gamallo aproveitou o foro para presentar as ‘Xornadas polo emprego: Job Days da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal’, que a oficina de cooperación da Eurorrexión, a AECT, vai celebrar en Tui o vindeiro 2 de xullo. Estas xornadas, que estarán centradas no sector do metal, contarán coa colaboración do EURES Transfronteirizo, das Asociacións metalúrxicas de Galicia (ASIME) e de Portugal (AIMMAP), e da Eurocidade Tui-Valença.

Os ‘Job Days’ están concibidos como un encontro dedicado a facilitar o contacto entre empresarios e profesionais do sector metalúrxico e promover así a mobilidade e a colocación/contratación no territorio da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal. Este primeiro ‘Job Day’ terá un área de exposición e stands, destinados fundamentalmente ao intercambio de información cos candidatos ás prazas vacantes que previamente se teñan ofertado; á realización de entrevistas cos candidatos; e á publicitación das ofertas de emprego nunha plataforma informática especialmente habilitada para o evento.

Tamén haberá conferencias e presentacións temáticas especializadas, sobre temas como o desprazamento de traballadores entre Galicia e Portugal; os procedementos da contratación transfronteiriza; o funcionamento do servizo EURES; a situación e tendencias do mercado laboral; as vacantes de difícil cobertura; os apoios á mobilidade transfronteiriza; ou as temáticas da Innovación nas Pequenas e Medianas Empresas e os Fondos Europeos para as empresas no período 2014-2020.

27 de maio de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.